Obradoiros do Merdeiro, febreiro 2019
O Merdeiro é un personaxe do Entroido vigués.
O Merdeiro é un personaxe do Entroido vigués, que representaba a rivalidade entre mariñeiros e labregos. Os uns representaban un vivir heroico (mariñeiros) mentres cós outros (labregos) unha vida con máis vagar. O Merdeiro facíase eco do sentir mariñeiro, criticando ao Escabichairo que representaba o sentir labrego.
No Entroido os Merdeiros vestían como Escabichairos para lles demostrar afronta, e vagaban polas rúas da Zona Vella, amolando a xente que se topaba, e mesmo botaba fariña sobre ela.
Velaí o Entroido vigués, e os seus persoeiros propios, que dende hai anos, a Asociación Etnográfica A Merdeira está a recuperar. (Podedes encontrar máis información na páxina da asociación: omerdeiro.org)
A Concellaría de Normalización Lingüística quere contribuír coa recuperación deste patrimonio propio. Dende hai anos, xunto coa asociación, ten levado información e actividades sobre O Merdeiro ao alumnado vigués.
Desta volta, e grazas á colaboración de asociacións veciñais e de comerciantes, levamos obradoiros sobre este persoeiro, sobre o Entroido de noso, a diferentes espazos da cidade.