Que é o CIOV?
O CIOV é o Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo creado polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) en outubro 2013.
Por que nace?
Dende 2009 o SNL leva traballando na recuperación e posta en valor da nosa tradición oral, e das novas formas de improvisación oral.
Que fai?
Organiza cursos de regueifas, contadas, slam, rap, teatro improvisado...(para centros escolares e para público en xeral), actuacións en distintas localizacións e horarios, certames…
Que obxectivos ten?
Formar persoas que saiban improvisar, que coñezan a tradición oral galega (regueifas, lendas, contos...) e as modernas representacións da oralidade (slam, rap...)
Achegarlle á cidadanía a improvisación e a tradición oral galega.
Quen é o profesorado?
O persoal que colabora e traballa no CIOV está formado por persoas cualificadas, expertas na didáctica e profesionais no seu campo.
Do mundo da regueifa contamos con Branca Trigo, Quique Estévez, Josinho da Teixeira, Luís O'Caruncho e Pinto d'Herbón; da sección de contos, historias e lendas con Dani Blanco, Marta Ortiz, Déborah Vukušić; e do mundo do Slam e da poesía con Silvia Penas.
Puntualmente, tamén se conta con achegas de Manoel da Costa, Xabier Ron, Paco Barreiro, Félix e Cástor Castro Vicente, grupos portugueses, rapeiros e rapeiras…
Onde está o CIOV?
As clases impartiranse no Verbum (Avda. de Samil, 17), pero o CIOV programa actividades en distintos espazos da cidade (prazas, cafés, bibliotecas…)
Formación
O Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo organiza actividades de formación co fin de fomentar o uso da lingua galega en contextos onde é fundamental dominar a destreza da fala, aspecto polo que hai que pular no ámbito urbano vigués.
O cursos do CIOV empregan a regueifa, o rap, as contadas, o slam, o teatro improvisado etc., como ferramenta transversal para acadar os obxectivos propostos polo SNL do Concello de Vigo.
Dinamización
O Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo consegue a través da súa actividade cotiá dinamizar o uso do galego entre a cidadanía viguesa.
Algúns dos obxectivos dinamizadores do CIOV son:
Crear espazos de uso do galego oral en Vigo.
- Fomentar o uso do galego entre a xente moza, vinculando a lingua a unha actividade moderna e centrada nos seus intereses.
- Dar a coñecer o patrimonio cultural e lingüístico galego en xeral e vigués en particular.
- Promover a creatividade, a expresividade, a capacidade discursiva en galego etc., entre a poboación de Vigo.
- Fomentar as relacións interpersoais en lingua galega.