En sesión de 8 de novembro de 1988, o Concello de Vigo aproba, por unanimidade, a Ordenanza municipal de normalización lingüística, (publicada no BOP de 17 de maio de 1989) que marca os criterios en política lingüística desta administración. Para lle dar cumprimento a este texto legal, no ano 1898 créase o Servizo de Normalización Lingüística.
A normalización lingüística é un proceso participativo e aberto que ha implicar as administracións e á cidadanía. O Concello de Vigo dotouse dunhas canles de participación como son o Consello Social da Lingua e a Comisión Cidadá de Normalización Lingüística.
Toda acción normalizadora ha estar enmarcada nun proxecto global que determine as directrices que cómpre seguir. O Plan de dinamización lingüística do Concello de Vigo apróbase no ano 2006 co fin de “conseguir que o galego sexa usado decote pola práctica totalidade da poboación viguesa” (art. 1 do Regulamento do Consello Social da Lingua).
O SNL planifica unha serie de accións formativas destinadas principalmente a mellorar a capacitación lingüística, tanto do persoal ao servizo da Administración local como da cidadanía en xeral. Ademais, esta formación ten os seguintes obxectivos:
> Crear espazos de uso da lingua galega na cidade.
> Vincular a aprendizaxe da lingua galega coa defensa do patrimonio cultural, artístico e natural da cidade.
> Promover a creación artística e cultural en galego.
> Favorecer a integración das persoas vindas de fóra de Galicia.
> Eliminar os prexuízos existentes contra a lingua galega, vinculando a súa aprendizaxe a contextos modernos e temáticas atraentes para a poboación de Vigo (ciencia, tecnoloxía, produción artística, natureza, igualdade etc.).
> Recuperar e manter a riqueza lingüística da poboación de Vigo.
> Pór en relación a persoas da cidade que están interesadas na defensa do patrimonio lingüístico e cultural de Vigo.
> Crear materiais formativos de calidade para o seu aproveitamento nas distintas accións formativas.
Para coñecer as accións formativas organizadas polo SNL do Concello de Vigo pódese consultar a sección Formación
O SNL revisa e corrixe aqueles textos que lle chegan e que están elaborados polo persoal ao servizo da Administración local co obxectivo de garantir a calidade lingüística da documentación, das publicacións, da cartelería, da publicidade etc., que xera o Concello de Vigo.
Ademais, o SNL pode resolver dúbidas concretas sobre o uso da lingua; sobre escollas terminolóxicas, toponímicas etc; sobre o estilo e o formato da documentación empregada polo persoal do Concello, co fin de que os escritos cumpran cos estándares da comunicación clara e eficaz e garantir o rigor e a transparencia nos actos administrativos.
A finalidade do traballo en asesoramento deste SNL é promover a capacitación e a autonomía lingüística e comunicativa do persoal ao servizo da Administración local á hora de elaborar os seus propios textos e documentos.
A cidadanía poderá dirixirse ao SNL do Concello de Vigo, a través do formulario de Consultas, para resolver dúbidas lingüísticas concretas.
O SNL difunde e promove todas aquelas accións destinadas a favorecer o uso do galego entre a sociedade. Entre elas destacamos:
> Dar a coñecer os dereitos e os deberes lingüísticos da cidadanía en xeral e do persoal ao servizo da Administración local.
> Informar sobre as accións formativas en lingua galega que se desenvolven noutras administracións e organismos: cursos Celga, de linguaxes específicas (administrativa e xurídica), universidades etc.
> Informar sobre os recursos existentes dos que pode dispor a cidadanía para desenvolver a súa vida cotiá na lingua galega: programas informáticos, webs de interese, recursos lingüísticos, espazos para o lecer e o deporte etc.
> Difundir as actividades dinamizadoras da lingua galega que realicen outras entidades, organismos, asociacións etc.: concertos, campañas de fomento do libro galego, contacontos, xornadas de divulgación, convocatorias de premios, axudas, etc.
Para acceder a toda a información que difunde o SNL do Concello de Vigo pódese consultar a sección Novas.
O SNL planifica, deseña e organiza un conxunto de actividades dinamizadoras da lingua galega que adoitan agruparse en programas asociados a diversos ámbitos de actuación: infancia, mocidade, familias, poboación en xeral, literatura, cine, ciencia, preservación do patrimonio lingüístico, toponimia etc.
Algúns dos obxectivos que persegue a programación de actividades dinamizadoras son os seguintes:
> Crear espazos de uso da lingua galega no Concello de Vigo.
> Proxectar unha imaxe positiva da lingua galega.
> Desterrar vellos e novos prexuízos sobre a lingua galega.
> Achegarlle á sociedade modelos e referentes (deportistas, artistas, científicas etc.) que valoren o galego como unha oportunidade para o éxito.
> Pór en contacto a persoas interesadas na defensa do patrimonio artístico, cultural e natural do Concello de Vigo.
> Asociar o galego ao ámbito do desfrute do tempo libre e das afeccións (deporte, cultura, turismo etc)
> Unha mostra do intenso traballo realizado neste senso polo SNL do Concello de Vigo pódese consultar na sección de Programas.
Para coñecerdes o traballo desenvolvido polo SNL achegamos as memorias da Concellaría de Normalización Lingüística.