En Vigo, na sede da Deputación de Pontevedra (rúa Eduardo Chao, 17)
En Pontevedra, na sede da Deputación de Pontevedra
Esta actividade pertence ao programa:
Obradoiros de escrita, novela, relato ou poesía da Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia (2023)
Coa premisa de fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e amantes da nosa literatura a Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia puxeron en marcha no ano 2020 a Escola de Letras, que oferta un variado abano de obradoiros de escrita, novela, relato e poesía para todas as idades.
Este foi o primeiro proxecto deste tipo en Galicia e un dos poucos do Estado, e desenvolveuse nas sedes da institución provincial en Vigo e Pontevedra. Logo do grande éxito das tres primeiras edicións, este 2023 a Escola de Letras, dirixida por Francisco Castro, volve á acción cunha nova oferta formativa de creación literaria para todas as persoas interesadas en aprender e gozar da palabra con algunhas das voces da escrita máis importantes do panorama galego actual.
Ademais, coma nos anos anteriores, o alumnado desta nova edición tamén formará parte da publicación dun libro coral que recollerá os mellores textos realizados neste ano. Sen dúbida, mergullarse no mercado editorial de forma activa é un dos mellores agasallos da Escola de Letras.
Como novidade deste 2023, a Escola de Letras incorpora dúas novas escritoras ao claustro docente: a poeta viguesa Marta Dacosta e a escritora e dramaturga Esther Carrodeguas.
Debido á alta demanda que tiveron estes cursos anteriormente, a inscrición para cada un abrirase aproximadamente un mes antes da súa realización. O prazo de inscrición para os primeiros dous obradoiros, con Inma López Silva en Vigo e en Pontevedra, comezará o próximo mércores 8 de febreiro ás 8 horas.