Esta actividade pertence ao programa:
Actuacións de Silvia Penas e Susana Otero para público familiar nas Festas de Vigo (agosto 2020)
Día(agosto) Lugar (o lugar exacto da actividade está nun plano no arquivo "Cartel das actuacións de Silvia Penas e Susana Otero")
5 Valadares
16 Sárdoma
17 Mercado Teis
19 Bouzas
Neste proxecto reunimos tres historias: o conto popular «O caldo de pedra», o conto rimado de Xosé María Álvarez Cácamo Dinosaurio Belisario e o conto do rato poeta Frederick de Leo Lioni, acompañado este último de textos poéticos para público infantil dos/as autores/as galegos/as Elvira Ribeiro, Fran Alonso, X.M.A. Cácamo e a portuguesa Matilde Rosa Araújo.
Os textos son contados e interpretados mentres o piano realiza unha ilustración sonora dos ambientes, dos personaxes e das accións. Lévanos á tonalidade grave do poder de Belisario, e á melodía doce do ollar de Frederick. Intríganos co seguinte ingrediente do caldo de pedra. A intención é crear unha intensidade sonora a través da voz e da música que atraia a atención dos/as cativos /as e estimule os sentidos e a imaxinación. Unha interpretación non só oral, senón tamén sonora dos contos e poemas que propoñemos.
1. O famoso conto popular «O caldo de pedra» pon de relevo a maneira de reaccionar dos seres humanos fronte á escaseza e a deseperación dos demais. Conseguir empurrar ás persoas a que fagan algo ou teñan empatía é máis fácil se as persuadimos de que van cooperar connosco e ser colaboradores nunha tarefa exitosa. A necesidade de supervivencia agudiza a intelixencia e a picaresca.
2. Belisario abusa do seu poder sobre os demais animais e sobre os nenos e nenas, ata que se unen para dicir as palabras que lle quiten todo o seu poder.
Dinosaurio Belisario é un conto con ritmo e rima que reforza valores coma o compañeirismo, a solidariedade e a amizade, así coma o poder da palabra.
Ten unha canción final para cantar en conxunto acompañados/as do piano.
3. Frederick é un rato, que durante o verán pasa as horas ollando o horizonte, moi pensativo e abraiado coa natureza mentres a súa familia traballa para xuntar alimentos para o duro inverno. Toda a familia lle bota en cara a súa nugalla, pero cando chegan o frío e a chuvia e xa non queda comida, a través de poemas, Frederick tráelles a luz do sol, as cores da primavera...
É unha historia que salienta a importancia da imaxinación, da palabra e da poesía nas nosas vidas.
Intercalaranse no texto de Leo Lioni, poemas infantís como se dixo anteriormente.
Bibliografía
Contos de ida e volta («O caldo de pedra»), escolma e reescritura de Xabier Xil Xardón, Difusora de letras artes e ideas, 2008.
Dinosaurio Belisario , Xosé María Álvarez Cácamo, Kalandraka 2001.
As fadas verdes, Matilde Rosa Araújo 1994.
Palabras brancas, Elvira Ribeiro Tobío, ed. Xerais 2007.
O meu gato é un poeta, Fran Alonso, ed. Xerais 2011.
Tinta de luz, Xosé María Álvarez Cácamo, Chan da Pólvora, 2017.
Frederick, Leo Lioni, Kalandraka 2009.
Volver atrás