Esta actividade pertence ao programa:
No Nadal... un conto: "Raposadas" (1 xaneiro 2020) Navia
Raquel Queizás desenvolve este conto de 50 minutos de duración, aproximadamente
A raposa é moi lista, é moi curiosa. Gústalle vivir libre no monte mais tamén achegarse á aldea para ver xogar ás nenas e aos nenos e escoitar os contos que lles contan na lareira.
Canta o galo, sae o sol. A raposa feliz achégase á aldea cantaruxando unha melodía. Vai visitar á galiña para que lle ensine adiviñas, vai escoitar os contos da señora Lela que vive preto da escola. Agarda polas nenas e nenos para xogar con carozos de millo, con paus e con pedras. Vaille botar unha carreira ao sapo e aprender con el traballos do campo.
Xa se pon o sol, a raposa ten que marchar para despedirse dela todos póñense a danzar.
Quen danzou por aquí?
Colleita de contos populares de animais de tradición oral da nosa terra, que alimentaron, alimentan e alimentarán a moitas nenas e a moitos nenos galegos.
Os contos de tradición oral seleccionados están protagonizados por animais personificados que se debaten entre o uso da forza bruta e o uso da intelixencia para a resolución de conflitos. Moitos destes contos, ademais de mostrarnos as características que definen a cada animal, buscan describir e explicar unha forma de vida fomentando o respecto pola natureza. Axudan a coñecer a contorna natural e familiar que nos fai pobo a través da nosa lingua, os nosos contos, as nosas adiviñas, os nosos xogos e as nosas cancións.