SNL
SNL
Logo Vigo en Galego Logo Concello de Vigo

SNL

Novas

Novas

Catálogo con propostas de agasallos de Nadal en galego (2022)

Catálogo con propostas de agasallos de Nadal en galego (2022)

A Mesa lanza un extenso catálogo con centos de propostas de agasallos de Nadal en galego.

A Mesa pola Normalización Lingüística quere recoñecer así as empresas que empregan con normalidade o galego no ámbito socioeconómico.

Libros, discos, cadernos e elementos decorativos, xogos, instrumentos musicais, roupa, complementos, prantas, enerxía, servizos profesionais, experiencias, alimentos…

“Consideramos importante recoñecer as empresas que empregan con normalidade o galego no ámbito socioeconómico”, afirma o presidente da Mesa, Marcos Maceira, e recorda que “coa decisión de facermos presentes en galego como consumidoras e consumidores estamos a pór en valor a nosa lingua, a nosa cultura e tamén a nosa economía”.

Este catálogo forma parte do proxecto Abertos ao Galego, que certifica o compromiso coa normalización da nosa lingua de empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole. Desde o cumprimento da lexislación lingüística e o estabelecemento de medidas concretas para o uso do galego,  até o uso sistemático do galego tanto interna como externamente e a solicitude de información e documentación en galego a provedores e administracións, Abertos ao Galego acompaña e apoia aquelas entidades que apostan dun xeito consciente pola lingua propia amosándolle á cidadanía os seus esforzos e animando os consumidores e consumidoras a apoialas, escollendo os seus produtos ou servizos.

“Todas as decisións que tomamos como consumidores e consumidoras teñen implicacións”, afirma Maceira, “non ten as mesmas repercusións económicas, laborais ou ecolóxicas comprar un iogur fabricado en Francia que en Galiza, do mesmo xeito que non é o mesmo ter contratada unha empresa de telefonía que emprega persoas que poden atender a clientela en galego ou unha que non dá o seu servizo na nosa lingua”.

A Mesa ofrece dez motivos polos que preferirmos empresas que traballan en galego:

   1.Porque temos dereito a escoller, e quen escolle a nosa lingua tamén nos escolle a nós.
   2.Porque o galego nos identifica como cidadáns e cidadás no mundo. Prestixiar o galego é prestixiármonos nós mesmos/as.
   3.Porque recibiremos unha atención máis personalizada e próxima.
   4. Porque contribuiremos á creación e mantemento de postos de traballo no noso país. As empresas que poden atendernos en galego teñen no seu cadro de persoal traballadores e traballadoras galegos/as. Apostar por estas empresas é apostar por crear postos de traballo na nosa terra.
   5.Porque estaremos apostando por empresas que asumen a súa responsabilidade social.
   6.Porque podemos apoiar empresarios e empresarias que fan un esforzo polo uso do galego.
   7.Porque dun xeito amábel e directo podemos facer máis polo noso idioma que moitas campañas de divulgación. Apoiando activamente as empresas que apostan polo galego estamos facendo moito por promovermos o galego no ámbito socioeconómico.
   8.Porque contribuiremos a que outras empresas usen o noso idioma de xeito normal. Apoiar a presenza do galego no ámbito socioeconómico dálle prestixio á lingua e ten efectos multiplicadores noutros ámbitos da vida social.
   9.Porque as empresas que usan o galego, interna e externamente, entenden que o noso idioma é un elemento positivo para a súa imaxe.
   10.Porque os produtos etiquetados en galego teñen tanta ou máis calidade que outros. A lingua galega é unha marca de orixe e a orixe galega dos produtos é un sinal de calidade, e en moitos casos de elaboración natural e artesanal.

Volver atrás
Logo Vigo en Galego Logo Concello de Vigo
INICIO NOVAS SNL ACTIVIDADES FORMACIÓN CONSULTAS RECURSOS CIOV CURSOS DINAMIZACION PROGRAMAS BIBLIOTECA SUBSCRICIÓN A CONCELLARÍA LEXISLACIÓN CONTACTO Política de privacidade Aviso legal Accesibilidade
SNL