Toponimia Valadares

T o p o n i m i a d o va l d e f r ag o s o : va l a da r e s 22 Na fala de Fragoso, lugar non é só un sinónimo de sitio , senón que tamén se usa para referirse a unha vivenda rural co terreo circundante, na acepción de lugar que no Dicionario de dicionarios se define como ‘ área cercada de muro que contén no seu interior a casa, a horta, un eixido con árbores froiteiras, o hórreo e algunha construción auxiliar’, o que noutras áreas se denomina un lugar acaseirado . Abelal • O Abelal / Os Abelales (O Freixo) • O Abelal / Os Abelales (A Sobreira) Abelal é o resultado galego do latín abellanale , un derivado do nome da froita chamada Nux abellana , a abelá. As abeleiras foron árbores moi comúns na flora histórica de Galicia e son moitos os topónimos que falan da súa presenza na paisaxe. O Nomenclátor de Galicia re- colle cerca de douscentos núcleos de poboación que conteñen no seu nome un derivado de abelá , e na microtoponimia son igualmente nu- merosísimos os nomes que se refiren a estas árbores: Abeleira, Abelaira, Abelar, Abeledo, Abelenda, Abelaído, Abelosa (e Velosa ), Abelaídos e Balaídos etc. O Abelal ou Os Abelales é unha área de terras de labor e de mato no Freixo, ao norte da Costa do Freixo. A forma orixinaria do topóni- mo era un singular O Abelal . Na microtoponimia, cando conviven as denominacións singular e plural, o habitual é que a orixinaria sexa a primeira (se, por exemplo, unha área chamada A Lagoa está dividida en partes correspondentes a varios propietarios, cada un deles tende a denominar A Lagoa a súa parte e a supoñer un nome plural As Lagoas para o conxunto). Rexístrase en singular no Catastro de Ensenada: « un quarto de ferrado de monte de segunda calidad al sitio de Avelal » ; no Libro de afanegados consta tamén como Abelal e cualifícase como de- vesa e labradío. Tamén vacila no seu uso o singular O Abelal e o plural Os Abelales para denominar unha zona de terras de labor ao leste do parque tec- nolóxico e loxístico; no Libro de afanegados esas terras do barrio da Sobreira denominadas O Abelal reciben as cualificacións de mato e de labradío.

RkJQdWJsaXNoZXIy MTQwOQ==