Toponimia do Val do Fragoso - Comesaña
85 T o p ó n i m o s Laxe, A A Laxe é o nome de dúas zonas no barrio de Casás. Unha delas, a máis coñecida, é onde se localiza o carballo centenario, mentres que a outra está moi preto do Muíño Novo. Do latín hispánico lagena ‘pedra plana e lisa’ con orixe indoeuropea e característico sufixo átono con nasal, provén laxe como pena grande que sobresae do terreo pero non de xeito considerable. O lugar onde abundan as laxes son terras que na toponimia aparecen como Laxoso , Laxento ou Leixioso , este último referente a un espazo de monte pedregoso en terras de Baiona, na parroquia de Baíña. Leira de Gales, A; Leira Longa, A; Leira, A A Leira é un dos terreos que quedou arredor das casas dos Cocheiros na estrema coa Zona Franca. A Leira Longa ocupa o coñecido hoxe erroneamente como parque da Bouza na estrema con Coia, dende a rúa de Tui á do Padre Seixas. A outra leira, coñecida como A Leira de Gales , está situada no barrio de Casás, no camiño que vai cara a Rial ao pasar a Laxe. Leira é unha palabra viva na fala local que designa calquera terreo de labor. Dependendo da autoría, crese na orixe céltica lar ou laria ‘chaira de terreo’ e mesmo latina de lira ou glarea ‘grava’, esta máis aceptada para o termo. Xa falaba de leiras o Padre Sarmiento na súa obra, dicindo que se trata de «voz gallega que significa heredad larga y estrecha». A leira podemos dicir, polo tanto, que se trata dunha ‘terra a labradío afastada da casa e xeralmente pechada ou contigua a outras que forman un agro’ (Dicionario de dicionarios) . É frecuente atopar leira acompañada dun adxectivo que indica a súa forma ou tamaño como acontece na Leira Longa. Respecto ao topónimo A Leira de Gales, un dos moitos nomes que poderiamos clasificar como escuros, por descoñecer a súa procedencia e significado, podería atender a un sobrenome de propietario ou propietaria.
Made with FlippingBook
RkJQdWJsaXNoZXIy MTQwOQ==