Toponimia do Val do Fragoso - Comesaña
T o p o n i m i a d o va l d e f r ag o s o : c o m e s a ñ a 82 Lagoa, A A abundancia de auga na parroquia fixo aparecer nomes de terras como A Lagoa situada no actual PAU de Navia, A Lagoa do lugar da Laxe en Casás ou as outras terras hoxe aterradas detrás do Centro Cultural Nautilius en Sanín. Do latín lacunam , esta palabra referíase orixinariamente a unha lagoa ou a un estancamento de auga. En moitos casos relaciónase con ‘terras moi molladas, enchoupadas, a prado ou barxa’. O nome das tres terras recollidas como A Lagoa, aínda que na actualidade non presentan lagoa propiamente dita, xa fose permanente ou estacional propia dos invernos moi pluviosos, en orixe tiveron que tela. «Gregorio Pérez trae otro campo que se dize das Lagoas» (AHMV, Relazion, 1643, f. 3r) «una quarta de ferrado en sembradura primera calidad secano al sitio de Lagoa » (1752, CME, Leigos, f. 713v) «... ferrado de monte (...) al sitio de Lagoa da Gandra » (1752, CME, Leigos, f. 710v) «campo da Lagoa de seis ferrados de pan en senbradura que demarca con campo de Alonso Mallo de Teijugueiras» (AHMV, Morgado de Pazos, 1643, f. 1v) Lagudo, O O Lagudo é o nome dalgunhas tomadas aínda hoxe existentes e outras que foron aterradas cando se selou o vertedoiro da Aparicia no barrio de Casás. Probablemente derivado de lago (do latín lacu ) e, polo tanto, relacionado con lagoa, temos uns poulos no monte, por debaixo da Aparicia, coñecidos como O Lagudo . Ao ser terras moi húmidas e enchoupadas a maioría do ano, o sufixo -udo quizais posúa valor abundancial.
Made with FlippingBook
RkJQdWJsaXNoZXIy MTQwOQ==