Toponimia do Val do Fragoso - Comesaña
15 A Comesaña tradicional: os barrios e os lugares Como explicaba Iván Sestay no seu libro sobre os nomes de Coia, en Fragoso as aldeas son chamadas barrios, divididos á súa vez en lugares. Un exemplo disto é O Tombo , un lugar do barrio da Igrexa que acabou por converterse, ao medrar, noutro barrio máis. Os barrios históricos de Comesaña son Os Cocheiros , Os Eidos , A Pedreira , A Ponte , Sanín , A Fonte Santa , Casás , A Pedra Branca , Rial , Comesaña , A Rodeira , As Nogueiras , A Viña da Veiga , O Pazo , Muíños , As Pereiras , O Romeu e A Igrexa . Cada un ten os seus lugares, como Os Liñares , A Presa , O Tombo , O Outeiro , O Topete , A Regueira , A Bouza , A Capela ... Dentro deles aparecen as subdivisións menores destas entidades, os lugares ou eidos de cada unha das casas, coñecidos normalmente polo alcume do seu propietario ou propietaria, por exemplo, o Lugar do Patillas , que se refería a todo o ámbito que rodea a casa, acotío murado, propiedade deste veciño. A documentación antiga consultada ponse da nosa parte e son moi poucos os nomes que se perderon ao longo dos anos ou que foron caendo en desuso. É certo que son bastantes os antropónimos referentes a alcumes de antigos propietarios ou propietarias do século pasado, pero tamén é verdade que hai nomes conservados con máis de trescentos anos de antigüidade. Algúns deles non somos quen de situalos por culpa do forte cambio que sufriron certos lugares; noutros si o facemos por aproximación, sobre todo nas terras que ocupou a Zona Franca. A Comesaña tradicional: os barrios os lugares 4
Made with FlippingBook
RkJQdWJsaXNoZXIy MTQwOQ==