Toponimia do Val do Fragoso - Comesaña
T o p o n i m i a d o va l d e f r ag o s o : c o m e s a ñ a 8 Pedreira, Os Eidos ou Os Cocheiros. O mesmo acontecería no polígono do Caramuxo, onde A Ponte ou Navia quedou sen as fértiles barxas ás beiras do Lagares como As Ufas ou Os Fornos. As novas vías de comunicación contribuíron tamén aos cambios. A construción do cinto da circunvalación separou Comesaña de Casás e os barrios da Rodeira da Pedra Branca, comunicados hoxe por un túnel subterráneo. Descendeu así o traballo na terra, a cada pouco máis comesta polas silvas e o mato que avanzan imparables á custa dos poucos ferrados que se labran, se sementan ou nos cales se corta a herba. A agricultura, sustento noutros tempos de boa parte das casas, viuse reducida ao traballo en hortas e en eidos. E este abandono das tarefas do agro levou ao esquecemento dos nomes ou, cando menos, converteunos en dato non esencial nunha vida cotiá na cal cada un anda ao seu, non hai labradas comunais nin limpeza de regos, nin arranxo de camiños, nin bailes ou seráns mentres se fiaba. As novas xeracións xa non saben o que foi a parroquia noutros tempos e a cadea da transmisión oral de nomes, cantigas, lendas, sucesos e costumes vaise rompendo como terrón tras o paso do arado. Menos mal que na parroquia seguen vivindo nativos e nativas como os Maturranca, os Zaragallas, os Ricoi, os Purgatorio, os Jachía, os da Presa, os Reinaldos, os Panchos, os Carreira, os Monroi, os Verzas, os Matacristos, os Chute, os Pintos, os Madruga, os Petotes, os Síos ou outras moitas persoas ás que, pola súa importancia nesta recollida, lles dedicaremos un apartado final para tentar explicar a posible procedencia dos seus alcumes. Todos elas representan as persoas que viviron e viven nunha parroquia da que todo coñecen e da que reivindican a conservación dalgúns nomes en vías de desaparición como As Ufas, actualmente enmarcadas no polígono do Caramuxo; o cemiterio parroquial das Oleiras; o barrio dos Eidos que, ao figurar nos enderezos como estrada de Matamá-Pazo, parece que vai acabar por desaparecer; o viaduto do cinto que, máis ca Viña da Veiga como indica, debería ser de Comesaña; ou o polígono industrial das Pereiras como o dos Pumariños. Á citada conservación tampouco axudan as novas urbanizacións ou vivendas que, ao esquecer a denominación tradicional do lugar en que se asentan, se bautizan de novo como en 2007 os chalés construídos no alto de Casás baixo o nome de San Andrés Residencial . Non debía gustar O Topete Residencial para uns chalés vermellos, difíciles de encaixar na paisaxe, que tanto contrastan coas tradicionais casas pequenas, de pedra, cabana e curral.
Made with FlippingBook
RkJQdWJsaXNoZXIy MTQwOQ==