Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

97 T O P Ó N I M O S Folgada deriva do latín filicata ‘lugar onde medran os filictus (‘ fentos’)’. Este topónimo está relacionado con outros como Folgueira , Filgueira ou Folgoso , que aluden tamén ás plantas coñecidas popularmente como fentos . A voz fento refírese polo xeral ao fento común ( Pteridium aquilinum ). Outras especies de pteridófitas que presentan unha disposición distinta dos seus rizomas e follas reciben no contorno de Vigo a denominación xenérica de fentas , que pode ir acompañada dun adxectivo descritivo: fenta miúda , fenta do carballo , fenta do río etc. Laranxeiro, O Laranxeira é o nome da árbore que produce o froito da laranxa . A procedencia deste étimo é sánscrita «narangah» e chega a nós a través do árabe «narang». Con esta denominación foi introducida durante a Idade Media na península ibérica a laranxeira amarga (Citrus x aurantium) . No século xvi , os portugueses traen ao continente europeo outra especie afín, a laranxeira da China (Citrus x sinensis) , de sabor moito máis doce. A laranxeira prospera a baixas altitudes en zonas de clima suave, pois é moi sensible ás xeadas. O Catastro de Ensenada rexistra no século xviii as formas «O Laranjeiro», «Laranjeiro» e «Naranjeiro». Na actualidade este topónimo consérvase sobre o barrio da Igrexa, onde existe unha superficie cultivada denominada O Laranxeiro ou A Laranxeira . Aínda que a forma máis común en Galiza é laranxeira, tamén existe como vemos a variante masculina laranxeiro. Na antiga estrema parroquial de Candeán con Cabral (lugar da Feira) existe ademais unha fonte coñecida como A Fonte do Laranxo , Fonte do Laranxeiro ou Fonte do Naranxeiro , que lle dá nome ademais ao Camiño do Laranxeiro . Como podemos comprobar, as formas patrimoniais Laranxeiro e Laranxeira resisten aínda, fronte o castelanismo Naranxeiro . Lareiral, O Nome dunha superficie de cultivo que presenta socalcos e pequenas zonas arboradas, situada baixo os lugares da Fonte Branca e do Calvario. Interpretamos este topónimo como un abundancial de loureiro . Malia que a forma colectiva máis común en galego de loureiro é loureiral (de

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1