Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

T o p o n i m i a d o va l d e f r ag o s o : c a n d e á n 86 O cerquiño (Quercus pyrenaica) é un carballo de follas marcescentes (unha vez secas, continúan prendidas nas pólas durante meses). É o carballo máis frecuente nas comarcas do interior de Galiza que presentan un clima de influencia mediterránea, e temperaturas moi contrastadas no verán e no inverno. En zonas litorais ten, no entanto, escasa presenza en comparación co carballo común (Quercus robur) e mesmo coa sobreira (Quercus suber) . Sorprendentemente, forma pequenos rodais nas zonas máis secas das nosas costas (é o único carballo autóctono das illas Cíes). Porén, moitos destes exemplares son en realidade híbridos de carballo e cerquiño (Quercus x andegavensis) . Na Parachán, preto do Cerqueiro, existían exemplares illados de carballo cerquiño , tal e como nos explica unha veciña. Estes carballos eran moi valorados na celebración de rituais de cura de crianzas herniadas, que non podían andar. Noutras partes de Galiza dicíase que estes rapaces e rapazas estaban afectados polo enganido ou tangaraño. Escollíase para tal fin un cerquiño novo, de pequeno tamaño: Unha noite acudían ao lugar tres mulleres de nome María e tres homes chamados Xan. Fendían o cerquiño polo medio e abríano en dúas metades. Ás doce da noite situábanse os homes a un lado da arboriña, e as mulleres en fronte. Un home pasaba o neno sobre a rachadura do cerquiño e ofrecíallo a unha muller: —Toma, María! —Que me dás, Xan? —Douche un neno eivado, quero que mo deas san. Repetían a operación un total de nove veces. Cando remataban, xuntaban as dúas partes do cerquiño, atábannas e embadurnábanas de barro. Logo daban boa conta da comida e bebida que dispuxeran previamente sobre un mantel no chan, tendo bo coidado de non deixar nada sen comer. Se, pasado un tempo, o cerquiño se recuperaba da operación e soldaba era sinal de que o neno/a estaba sandado.

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1