Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

79 T O P Ó N I M O S A palabra candea deriva do latín candela ‘cirio’, que á súa vez está relacionada con candere ‘arder, prender lume’ (Navaza Blanco, 2007a). Os materiais vexetais que reciben o nome de candea teñen unha característica común: a súa textura é moi fina, e unha vez secos resultan moi axeitados para iniciar o lume. O topónimo A Candea podería sinalar unha zona onde veciños e veciñas facían provisión deste recurso. O nome candea pode referirse tamén a unha candea ou cirio, de acordo co significado orixinal que ten esta palabra en latín. As candeas constitúen o elemento central da celebración do día 2 de febreiro da Virxe da Candeloria. Neste día era tradicional na parroquia de Candeán facer grandes fogueiras, as chamadas candelorias , mentres que na festividade de San Xoán estas luminarias (tan frecuentes nas parroquias do contorno) apenas se prendían. Cañoteira, A Terras de cultivo situadas na Goleta, a carón do núcleo habitado. Na cabeceira destes campos encóntrase A Casa de Margarita da Cañoteira . O xenérico cañota , de uso frecuente na comarca, designa un ‘toro groso e retorto dunha árbore’ (que pode ser aproveitado para leña, pero non para madeira), e con maior frecuencia as ‘partes que restan dunha árbore despois de ser pinchada’ (base do tronco e raíces). Noutras partes de Galiza, a palabra cañota tamén se utiliza como sinónimo de caracocha ou cachopa ‘tronco de castiñeiro, carballo ou outra frondosa moi groso e medio seco’. Troncos que adquiriron esa conformación polas podas periódicas ás que eran sometidos (as chamadas demoucas ou derrames ). Pero tamén pode referirse ao cano cortado de verzas ou cereais (millo, trigo etc.) unha vez que foron apañados os froitos. Cun sentido semellante a cañota temos a palabra cañoto , rexistrada tamén en Candeán. Existe, non obstante, unha terceira forma relacionada, canoto , que se ten encontrado especialmente no interior de Galiza. Ademais de designar certos paus delgados, dá nome tamén aos canos de diversas hortalizas e cereais, como verzas, trigo, millo e algunhas especies de caules tan finos como a planta do liño, ou mesmo a parte córnea dunha pluma. Esta última variante aseméllase máis á que podería ser a forma orixinal latina deste topónimo canna ‘cana’. Precisamente, a palabra cañota presenta o que podería ser un trazo de castelanismo, pois o galego conserva nestes casos a consoante ‘n’

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1