Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

77 T O P Ó N I M O S Amieira, A A Amieira (en plural As Amieiras ) é unha zona de cultivo vinculada ao núcleo da Igrexa, situada baixo O Calvario. O topónimo deriva posiblemente dunha raíz prerromana am - ‘auga’ mais un sufixo - ariu . Podería ser un sinónimo de amieiro , pero ao presentarse baixo forma feminina o máis probable é que teña valor colectivo: ‘lugar poboado de amieiros’ (Navaza Blanco, 2006). OCatastro de Ensenada rexistra os seguintes topónimos relacionados: «Campo da Ameeira», «Campo da Ameira», «Ameyra de Arriva», «A Ameira» e «Amieira». Vemos como na maioría dos casos se conserva o duplo ‘e’ de «A Ameeira». Quizais se trate dun vestixio dunha forma orixinal Ameneira , cando aínda non se pechara o primeiro ‘e’, que se transformou en Amieira . Este topónimo non se localiza en ningunha ribeira fluvial, pero a 50 metros descende un pequeno afluente do río de San Cristovo, que nace na Fonte do Carballiño . Este lugar si reuniría as condicións necesarias para acoller un amieiral . Temos que advertir, porén, que algúns dos topónimos que se atribúen a esta árbore poderían referirse non á árbore en si, senón a un curso de auga (Navaza Blanco, 2006), pois todas estas formas comparten a mesma raíz. Véxase Os Amieiros. Amieiros, Os Os Amieiros e Os Seguedos dos Amieiros son dous topónimos que se localizan nas ribeiras dun pequeno afluente do río de San Cristovo, que nace no Olleiro ‘ollo de auga, manancial’. Unha variante desta forma que tamén recollemos no traballo de campo é Os Samieiros . O amieiro (Alnus glutinosa) é quizais a máis característica das nosas árbores de ribeira. Disponse nas marxes dos cursos de auga por riba da banda ocupada polos salgueiros, e ten un gran valor ecolóxico polas numerosas funcións que realiza: estabilización das ribeiras, depuración de contaminantes orgánicos, refuxio da fauna acuática etc. A diferenza do castelán «aliso» (derivado de alnus , nome latino desta árbore), o galego amieiro semella ter unha orixe prerromana. As formas amieiro (> ameeiro ), ameneiro , abeneiro e outras derivadas, así como a

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1