Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

T o p o n i m i a d o va l d e f r ag o s o : c a n d e á n 74 Sorrego, O Refírese a uns terreos situados baixo un rego ou canle de regadío, nas marxes do río de San Cristovo, no Salgueiro: O Sorrego ou Os Sorregos , Os Campos do Sorrego , O Sorrego do Tío Sebino , Os Seguedos de Sorrego e O Camiño do Sorrego . Este topónimo está composto pola palabra rego precedida pola preposición so - ‘baixo de’ (> latín sub - ). Véxase Rego. Tomadas, As Zona de monte que se sitúa sobre o núcleo rural do Busto, nas proximidades da Presa da Devesa Nova . Aparece mencionada no Catastro de Ensenada como «Thomada», «Thomadas» e «Coutada da Thomada». Nas parroquias do sur do concello de Vigo, así como no Val Miñor e na península do Morrazo, a palabra tomada é sinónimo de coutada ‘parcela de terreo forestal de propiedade particular, deslindada con marcos de pedra, que en moitas ocasións aparece pechada perimetralmente por un valo de pedra ou terra’. A propia palabra tomada (participio do verbo tomar ) alude á apropiación e acoutamento dunha porción de monte que en tempos era de propiedade colectiva ou comunal, nun contexto histórico de expansión das terras de cultivo e crecente presión sobre o medio forestal (Navaza Blanco, 2007a: 94). Con todo, temos que apuntar que en Candeán este tipo de parcelas non reciben o nome de tomadas , senón coutadas . A palabra tomada , como substantivo xenérico, foi usada por un informante desta parroquia cun significado completamente distinto: o de ‘canle de regadío, rego’. Esta acepción da palabra tomada semella ser pouco frecuente, pero aparece recollida na obra do Padre Sarmiento como sinónimo de levada : «La voz presa, de prehendo, es una como tomada o tomadura de agua». O topónimo Tomada significaría, neste caso, ‘auga tomada dun río ou regato, desviada e conducida a través dunha canle de regadío cara ás terras agrícolas’.

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1