Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

73 T O P Ó N I M O S — — «Aquí había un río vello. Cando viñan as cheas collían e botaban a aghua ao río» (A Devesa). — — Cando baixaba moita auga das coutadas practicábase un corte na levada para evitar que entrara moita auga na Esqueiriña; esta baixaba entón por O Río Vello (Os Cocheiros). Rosío, O En Subride de Arriba encontramos os seguintes topónimos relacionados coa palabra rosío : O Rosío , O Camiño do Rosío , O Rosío de Arriba e A Presa do Rosío . Na fala da zona rexistramos as variantes Rosío e Rocío . Existe unha interpretación local deste topónimo, segundo a cal este se debe á frecuencia con que aparece rocío neste lugar. Á parte de que a palabra rocío sexa un castelanismo (no lugar da forma patrimonial orballo ), na parroquia de Candeán aínda sobrevive na fala popular o xenérico resío . Aplícase nalgúns casos ao perímetro que rodea a vivenda ou a parede exterior do lugar, que se mantén libre de vexetación. Pero tamén se aplica con sentido hidronímico: o resío é o bordo exterior dunha presa de regadío, necesario para os labores anuais de limpeza, consistentes na roza da vexetación e no baleirado dos sedimentos que se foron acumulando no fondo e diminúen a capacidade da presa. Eses sedimentos que atúen a poza son depositados ao redor desta, ocupando un espazo perimetral de propiedade privada. A cambio, os propietarios dos resíos (que ocupan dous metros arredor do perímetro da poza) aproveitaban estas lamas para fertilizar e mellorar as súas terras de cultivo. Outro tipo de resío , vinculado tamén aos sistemas de regadío tradicional, era a servidume dun metro a cada lado dos regos de condución das augas, reservada aos seus labores de mantemento e ao paso dos regantes. Este xenérico podería proceder do latín residuu ‘espazo de servizo contiguo á casa’ (Navaza Blanco, 2007a), que como xa vimos é un dos significados que presenta esta forma en Candeán.

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1