Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

67 T O P Ó N I M O S Sobre As Regas localízanse precisamente os Muíños da Freiría, e ao pé destas A Poza da Suapresa, que xa aparece mencionada no Catastro da Ensenada, no século xviii . A existencia de regadío nestes terreos xa vén polo tanto de vello. No entanto, a forma rega pode ter así mesmo un valor orográfico (Navaza Blanco, 2007b): ‘encaixonamento formado na unión de dúas ladeiras, polo cal adoita discorrer un regato’. Quizais, como sucede noutros casos ( río/ría , carballo/carballa etc.), se trate dunha forma feminina e aumentativa de rego : ‘rego de grandes dimensións’. En Candeán, rega tamén ten este significado na fala popular, polo que é entón sinónimo de buraca ou gorgoza (palabras tamén recollidas na parroquia) ‘regueira moi profunda’. O val polo cal descende o río do Souto (onde se encontran as ladeiras de A Escorregada ), que se sitúa a escasa distancia de As Regas , podería coincidir perfectamente con esta descrición. Véxase Regueiro. Rego A palabra rego orixinou unha fértil familia léxica, na que están incluídas outras formas tratadas tamén neste libro, como Regueira , Rega , Regueiro e Regada . A orixe deste termo semella estar no celta reku . En galego, existe probablemente unha certa confusión semántica con este nome, que tanto pode designar unha canle tradicional de condución de augas coma un regato ou pequeno curso de auga (Marqués Valea: 2004). Non obstante, en Candeán e nas parroquias do contorno a palabra rego aplícase normalmente ás conducións de auga destinada a regadío ou a outros usos, que parten dun regato ou dunha presa; malia que tamén é extensivo aos regos que se abren nas terras de labradío nos labores agrícolas. Diversos topónimos inclúen a palabra rego en Candeán: O Rego de Loureiro , O Rego da Presa do Canto do Valo , O Rego do Cabo , O Rego do Cocho , O Rego do Morte (alcume persoal), O Rego das Chans e O Regho de Sorrego (forma redundante). Tamén está presente en Os Campos do Rego do Morte , Ladodorrego e O Campo do Rego .

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1