Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

63 T O P Ó N I M O S Poza A palabra poza pode designar diversos corpos de auga estancada ou de escasa corrente. Estes poden ser de carácter natural, como as pozas de río ( A Poza da Moura, en Domaio, é un exemplo moi coñecido), ou ben charcas ou pequenas lagoas de augas paradas que se forman sobre superficies chans (como A Poza Negra , na serra da Groba). Pero este termo tamén se usa nalgunhas zonas como sinónimo de presa . Trátase neste caso de estruturas artificiais destinadas a represar as augas dunha pequena corrente, para o seu uso en regadío. En Candeán recollemos con este significado as pozas seguintes: A Poza do Petou , A Poza das Aspras , A Poza de Porla (de Portland ‘cemento’), A Poza (O Xunco Mariño), A Poza de Arriba e A Poza de Abaixo (ou Presas do Fabal ), A Poza dos Pinos , A Poza da Fonte do Bechas , As Pozas do Crasto , A Poza do Campo Longo , A Poza do Reboliño , A Poza da Levada (A Esqueiriña), A Poza Nova (baixo A Freiría), A Poza do Rial , As Pozas do Monte (sobre o río do Souto) e A Poza do Monte (A Rabadeira). Algunhas reciben o nome do alcume dos seus propietarios: A Poza do Frebe , As Pozas de Mariños e A Poza de Pesca . Como derivados de poza, temos ademais O Campo da Poza (O Cotobade), O Carreiro das Pozas (A Besada), As Coutadas de Pozas e As Pozas (preto do camiño do Salvador). A palabra poza é o feminino de pozo (véxase Pozo ). Pozo Os topónimos coa palabra pozo son moito menos frecuentes ca os que presentan a forma poza . Nalgún caso refírense a pozas fluviais ou de río ( O Pozo da Macheta , situado no río de San Cristovo, baixo Rabodeasno). Pero normalmente toman o seu nome de perforacións artificiais practicadas no chan para obter auga; aínda que poden estender o seu significado a calquera depresión do terreo, con auga ou sen ela, con independencia da súa orixe (Navaza Blanco, 2007a). A Coutada do Pozo , na Fonte Escura, podería deber o seu nome a un pozo escavado nesta antiga zona forestal. Nunha única ocasión encontramos que se utilizara a palabra pozo para designar as presas de regadío: Os Pozos do Quintián (A Rabadeira).

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1