Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

55 T O P Ó N I M O S pero no noso país teñen, non obstante, o carácter de ecosistemas relíticos ‘últimas representacións dun hábitat ou especie que estivo anteriormente moito máis estendido’. As turbeiras aparecen sobre superficies que favorecen a encharcada, onde por causa da acidez, as baixas temperaturas e o propio enchoupamento do terreo a materia orgánica tarda moito tempo en descomporse. Fórmase así un tipo de carbón vexetal chamado turba , que dá nome a estas formacións. Moitas turbeiras galegas formáronse ao final da última glaciación; outras posiblemente a partir das primeiras deforestacións de orixe antrópica da prehistoria, que tiñan por finalidade a creación de pasteiros e a cavadura de montes para cultivalos. As brañas e turbeiras foron moi frecuentes en tempos históricos no noso contorno, como revela a toponimia: As Chans da Lagoa (Baiona, Coruxo –Vigo–, O Morrazo), As Lagoas (actual campus de Vigo), A Lagoa dos Bromús (Vincios, Gondomar), e un longo etcétera. É moi significativo o feito de que, na maioría dos casos, estas antigas lagoas xa non existen e perduran tan só na toponimia local e na memoria das persoas maiores. Síntoma evidente da fraxilidade destes ecosistemas que, tras varios miles de anos de existencia, sucumbiron en moitos casos vítimas de plantacións forestais, drenaxes, captacións de augas, apertura de pistas etc. Na parroquia de Candeán e nas súas inmediacións existían varias lagoas , que nalgún caso aínda se conservan na actualidade. Tratábase de turbeiras, ou ben de brañas (superficies húmidas sobre as que se desenvolven con frecuencia as pradeiras de herba das brañas – Molinia caerulea –). Ao pé do parque forestal do monte Vixiador, xa no concello de Redondela, encóntrase a Lagoa Grande ou Lagoa de Cabeiro . Polas informacións que recollemos, a súa extensión e grao de encharcamento debeu ser maior no pasado. Un recordo recorrente é o do rescate das vacas que afundían con frecuencia na zona húmida. Para sacalas dos olleiros, a veciñanza tiña que atravesar unhas varas longas baixo a barriga dos animais e puxar con forza. Porén, a pesar destas vicisitudes, sabíase da importancia das turbeiras para manter os pastos frescos no verán, así como para alimentar os mananciais. Como nos dicía un informante con moita sabedoría: «Estaba mui ben que hubera iso, porque é a nai da aghua». Na parroquia de Candeán e nos montes máis próximos rexistramos os seguintes topónimos que inclúen a palabra lagoa co significado de braña ou de turbeira :

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1