Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

T o p o n i m i a d o va l d e f r ag o s o : c a n d e á n 54 Lagoa, A Tampouco se trata neste caso de lagoas propiamente ditas, nin de brañas ou de turbeiras. Os topónimos incluídos a continuación refírense ás lagoas só en sentido figurado, pois nomean en realidade terras agrícolas moi húmidas, polo normal próximas a algún regato, cun significado semellante a barxa . — — A Lagoa (ou en plural As Lagoas) e O Camiño da Lagoa (baixo A Curva do Marqués, na avenida do Aeroporto). — — A Lagoa (en Subride). — — A Lagoa , O Camiño da Lagoa e O Seguedo da Lagoa (nos Cocheiros, baixo A Esqueiriña). A palabra lagoa consérvase como unha voz viva na fala popular, co significado de ‘campo moi húmido, terra enchoupada’. Procede do latín lacunam ‘foxo’, derivado á súa vez de lacus , ‘estanque, depósito de auga’, e designaría en orixe un lago de pequenas dimensións (Marqués Valea, 2004). No entanto, a palabra lagoa presenta unha segunda acepción moito máis fiel ao seu significado orixinal. Unha lagoa , como hidrónimo propiamente dito, é unha ‘masa de auga estancada sobre un relevo deprimido, pouco drenada’. Trátase nestes casos de lagoas ‘lagos de pequeno tamaño’ e pantanos naturais. É moi frecuente, porén, que na área xeográfica na que nos encontramos reciban tamén o nome de lagoas as brañas e as turbeiras, coñecidas estas últimas nalgunhas partes de Galiza como tremedais ( arroios no Baixo Miño). Ademais de topónimo, a palabra lagoa úsase tamén neste caso como xenérico. Estas lagoas adoitan localizarse sobre antigas superficies de arrasamento mesozoico. Son os vestixios da chamada superficie fundamental galega , que se formou por erosión e aplanamento do macizo hercínico (formado hai 380/280 millóns de anos). Esta superficie desapareceu da maior parte da costa galega por fenómenos posteriores. Apenas se conservan algunhas chans ou planaltos a modo de illas, situadas polo xeral arredor dos 400 metros de altitude. A zona máis alta do monte do Vixiador, na estrema coa parroquia de Cabeiro, estaría incluída dentro desta unidade. O relevo suave que presentan estes chans fixo posible a acumulación de auga e a formación de turbeiras hai varios miles de anos. As turbeiras son un tipo de zonas húmidas moi frecuentes no norte de Europa,

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1