Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

37 T O P Ó N I M O S Entre as terras de cultivo que presentan en Candeán a palabra chan , temos A Chan ou O Campo da Chan , A Chan de Arriba , A Chan do Medio e A Chan de Abaixo (A Fonte Escura e Os Currás); A Chan (baixo O Calvario); A Chan do Campo (A Freiría); As Chans e Os Seguedos das Chans (sobre Os Cocheiros); A Chan do Río (A Parachán); A Chan da Cerdeira (A Regueira, A Fonte Escura); A Chan do Crasto (A Freiría); A Chan da Devesa (As Cales) ou a forma Par da Chan («a carón da Chan»), baixo o castro de Codeside. Tamén se aplica a terreos planos ou chairos na parte alta do monte: A Chan do Labrego (sobre A Devesa), A Chan de Caveiro (preto do Vixiador, na estrema coa parroquia de Caveiro) ou A Chan de Loureiro (sobre A Freiría). Ademais, entra a formar parte do alcume familiar Da Chan : A Casa de Pepe da Chan , A Casa do Generoso da Chan , A Casa de Tía Adelaira da Chan etc. E como forma composta, está presente así mesmo no topónimo A Parachán (A Pedra Plana). Véxase Rechán. Corguiña As palabras corga e corgo consérvanse como xenéricos en diversas zonas de Galiza e do norte de Portugal. Os seus significados son moi variados: ‘camiño de carro estreito e profundo entre valados’, ‘sendeiro que discorre por unha valgada moi afundida’, ‘pequeno val encaixonado baixo o cal discorre un río’, ‘terras enchoupadas’, ‘rego que atravesa terras de regadío’, ‘poza ou presa de auga corrente onde se introduce o liño’ etc. Semella existir, non obstante, un denominador común na maioría destas acepcións: unha corga é ‘unha fenda ou encaixamento do terreo que conduce a auga’. Esta pode ser de orixe artificial (un rego ou canle de regadío), ou ben natural (un val pechado, un cavorco). Ás veces pode tratarse dun vieiro profundo que non transporta sequera auga, como o caso dunha congostra. A palabra corga é moi antiga e trátase probablemente dunha voz de orixe celta. As primeiras evidencias escritas proceden das fontes romanas dos tempos do Imperio, onde aparece latinizada como corrugus . Así, Plinio o Vello ( Naturalis Historia , 33, 4, 74) menciona este termo como a denominación local das conducións de auga empregadas na técnica

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1