Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

T o p o n i m i a d o va l d e f r ag o s o : c a n d e á n 32 Topónimos relacionados: Lavadeiro de Subride e Camiño de Subride. Tras do Pazo Este pequeno núcleo do século xviii , composto por dúas casas terreñas e unha casa en ruínas, semella estar relacionado cun lugar deshabitado denominado «O Pazo da Thorre» ou «Paso da Thorre», que naquela altura apenas conservaba unha edificación en ruínas. O topónimo aínda existe hoxe en día baixo a forma Tras do Paso , que dá nome a uns campos próximos a Maceiras. Por outro lado, tamén perdura o topónimo A Torre ou Torre dos Mouros . Refírese a unha torre medieval, hoxe en ruínas, que se elevaba sobre un pequeno promontorio. Aínda se poden observar os restos da torre principal, as escaleiras de acceso e, sobre todo, os grandes socalcos defensivos que protexen a vertente oriental da ladeira sobre a cal se asentan os restos arqueolóxicos, situados fronte ao castro de Codeside. Segundo J. M. Hidalgo Cuñarro, esta fortaleza erixiuse sobre os restos dun antigo castro, e no seu contorno acháronse restos cerámicos datados na Idade de Ferro, da época de dominación romana e a Idade Media. Malia que todos os e as informantes pronunciaron paso no canto de pazo , pensamos que a forma correcta sería esta última (tratándose a outra dun caso de seseo); xa aparece representada deste modo no Catastro de Ensenada, a carón da forma «Tras do Paso». O galego pazo deriva do latín palatiolu ‘pequeno pazo’. O seu significado non se limita tan só ás construcións barrocas do século xviii , senón que tamén se refire a elementos anteriores: ‘vivendas que destacaban sobre as demais polas súas dimensións, e servíanlle polo xeral de residencia ao señor do lugar’ (Navaza Blanco, 2007b: 26). Existe outra posible acepción do topónimo Pazo que o identificaría con antigos refuxios de pastores. Así, J. J. Moralejo no seu artigo «Arco(s), busto(s), pazo(s): toponimia de ganadería?», cita a Varrón para demostrar que os antigos pazos eran instalacións gandeiras: «eundem hunc locum [Palatium] a pecore dictum putant quidam», ou sexa, «crese que este lugar de Palatio denomínase así polo gando» (Navaza Blanco, 2007b: 26). Semella que este non é o caso do Pazo de Candeán. A súa proximidade coa antiga fortaleza medieval da Torre apunta máis ben

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1