Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

23 T O P Ó N I M O S O topónimo Esqueiriña podería derivar de esca . A esca é un material vexetal moi fino e seco que arde con facilidade. Úsase para iniciar o lume. Non obstante, o máis probable é que Esqueiriña proceda do latín scalarium , de scala ‘banzo, escaleira’. Neste caso, o seu significado sería ‘chanzos ou pasos que permiten escalar un muro ou acceder a unha leira situada a distinto nivel’ (Navaza Blanco, 2007a e Marqués Valea, 2004). Da forma latina orixinal scala deriva o galego escada , que designa a coñecida escaleira formada por dúas longas pezas verticais unidas por paus horizontais, que permite acceder a unha posición superior. Mais tamén pode referirse aos pasos labrados na terra ou no xabre que permiten ascender un valado; ou ben ás pedras que sobresaen horizontalmente dunha parede de pedra e que permiten gabear por ela. Dous sinónimos derivados da mesma raíz son esqueiro e esqueira . O topónimo Esqueiriña podería referirse en orixe a unha pequena esqueira existente no lugar, quizais no valado dun socalco. En relación con este pequeno núcleo temos tamén os topónimos A Fonte da Esqueiriña , A Presa da Esqueiriña , O Camiño da Esqueiriña , As Coutadas da Esqueiriña , A Esqueiriña da Castiñeira e Os Campos da Esqueiri ña ou As Esqueiriñas . Fonte Branca, A A auga foi desde sempre un recurso fundamental, que nunca podía faltar. Antes da construción de pozos particulares e (máis recentemente) do abastecemento de auga mediante traídas municipais e veciñais, a veciñanza debía acudir a algunha fonte pública para aprovisionarse de auga, aínda que nalgunhas ocasións podía facelo mediante unha mina de auga particular (véxase AMina ). Tanto é así, que os primeiros núcleos de poboamento situábanse preto dalgunha fonte de auga potable, que proporcionaba auga para beber, bañarse e cociñar. A proximidade dun regato ou río era tamén moi importante, pois as súas augas usábanse tanto para lavar a roupa coma para regar, así como para obter a enerxía necesaria para pór en funcionamento os muíños de auga. Vemos deste xeito que algúns dos primeiros lugares da parroquia de Candeán estaban vinculados a unha fonte, ata tal punto que esta quedou fosilizada no propio nome do núcleo. É o caso de A Fonte Branca , coñecida tamén na actualidade como Fonte do Xileiro . A Fonte Branca era no ano 1753 un pequeno asentamento rural formado por

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1