Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

179 T O P Ó N I M O S Presa da Abadesa, A Tamén se coñece como A Presa da María da Perfeuta . Está situada a escasos metros da Fonte Branca ou Fonte do Sileiro , ao sur da Devesa. Unha abadesa é unha superiora dun convento. Esta voz deriva do latín abbatissa (que presenta o mesmo significado). Na parroquia de Candeán non temos constancia da presenza histórica de ningún mosteiro ou convento, de modo que poderiamos interpretar este topónimo como un marco de propiedade dunha posesión dun convento rexentado por unha abadesa. Cabería unha segunda posibilidade: que a dona do terreo no cal estaba situada a presa fora a querida do abade, nalgún momento do pasado. Véxase A Coutada do Abade. Suaigrexa, A É un topónimo recollido como A Suaiglesia (en plural As Suasiglesias ). Non se trata evidentemente de que existan ou existisen varias igrexas neste lugar. Como resulta habitual, a división en varias leiras individuais dunha mesma superficie fai que, para referirse a esta, a veciñanza utilice con frecuencia a forma en plural do topónimo. No Catastro de Ensenada estes terreos figuran como «So a Iglesia» e «Campo de Soyglesia». A primeira sílaba su - (de so -) deriva da preposición latina sub - ‘baixo de’. Neste caso, refírese a uns campos que están situados baixo a igrexa parroquial de San Cristovo de Candeán. Véxase A Igrexa. Terra Santa, A Intrigante o nome desta antiga superficie de cultivo que resultou varrida polas obras da autoestrada, nomeada como A Terra Santa ou As Terras Santas (a forma en plural débese igualmente a que estaba dividida en varias parcelas), coñecida tamén como Os Campos da Terra Santa .

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1