Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

T o p o n i m i a d o va l d e f r ag o s o : c a n d e á n 162 O documento cita precisamente unha «dehesa» de máis de oito «ferrados» vinculada ao Tellado. Na recollida de campo puidemos rexistrar as formas O Tellado e Os Tellados , así como o diminutivo O Telladiño . Este último designa un terreo de cultivo que se encontra nun nivel superior ao Tellado , separado apenas por un socalco intermedio. Pensamos que o uso da forma diminutiva en O Telladiño se debe ao menor tamaño deste en relación con O Tellado . Tellado é o participio do verbo tellar , derivado do latín tegulare . Este topónimo semella referirse a construcións que presentaban unha cuberta de tella. Visto desde a perspectiva actual, pode parecer obvio que vivendas, cortellos e outras estruturas semellantes teñen e tiveron tellado, pero no pasado non foi así (Navaza Blanco, 2007a: 126). En Candeán e nas parroquias próximas non existen no seu substrato xeolóxico xistos e lousas, senón rochas de granito e gneis. Non sería de esperar, polo tanto, que as construcións antigas da parroquia presentasen cubertas de tipo lousado. Non obstante, tal e como lembra aínda a memoria popular das parroquias de Vigo, si existían cubertas vexetais de colmo ou palla centea, que non protexerían só alboios e cortellos, senón probablemente tamén numerosas vivendas de fasquía primitiva, como eran as casas terreñas , pequenas casas dunha soa planta con piso de terra. Quizais o topónimo O Tellado quixera distinguir unha vivenda ou calquera outra construción que presentaba unha cuberta de tella a diferenza das restantes, que poderían ser de palla. Lembremos que no Catastro de Ensenada, redactado no ano 1753, a maior parte das casas rexistradas en Candeán eran de tipo terreño, e existían moi poucas vivendas con andar superior. Posiblemente moitas destas casas primitivas presentaban un teitume forrado exteriormente con material vexetal. Trepia O Camiño da Trepia e A Calle da Trepia son dous topónimos que se localizan sobre o barrio da Igrexa. Unha trepia é un utensilio metálico de tres pés (de aí o seu nome) que se pousaba na lareira, sobre o cal se puñan ao lume potas e outros recipientes.

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1