Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

T o p o n i m i a d o va l d e f r ag o s o : c a n d e á n 148 Canexa, A Canexa é un xenérico que rexistramos na fala local de Candeán, co significado de ‘camiño de paso estreito’. Existe ademais unha forma aumentativa canexón . Canexa semella ser unha variante da normativa canella ou calella ‘camiño estreito e fondo entre elevacións do terreo, paso entre montañas, rúa ou camiño moi estreito entre valos ou casas’ (Dicionario da Real Academia Galega) . Deriva do latín canalicula ‘pequena condución ou tubaxe’. Incorporando esta mesma raíz están rexistradas en diversas parroquias viguesas as formas canicosta (camiño moi costaneiro, relacionado coas variantes quirincosta ou caringosta ) e canicouba (camiño escuro e profundo, polo xeral enlamado). O topónimo Canexa repítese en varios lugares da parroquia: — — A Canexa , tamén chamada Camiño da Gaiteira (na Devesa). — — A Canexa (na Maleita). — — A Canexa (en Erminde). — — A Canexa (no Monte Pequeno). — — A Canexa e A Coutada da Canexa (sobre A Coutada do Abade). — — A Costa da Canexa ou Camiño da Ramploia (na Maceira). Cardadeira, A O topónimo A Cardadeira localízase no norte da Igrexa, a carón da Coutada de Fóra. No Catastro de Ensenada está rexistrada como monte, aínda que nas súas proximidades se encontraba o regadío do Fabal. Ao pé deste lugar existe unha presa coñecida como A Presa das Cardadeiras . A palabra cardadeira está relacionada con cardo (latín cardus ) (Marqués Valea, 2004: 800), nome xenérico dun grupo de plantas da familia das compostas que teñen en común a presenza de abondosas espiñas en follas, caules, e nas follas modificadas que protexen flores e froitos. Non obstante, o topónimo Cardadeira deriva de carda , peite cardador que consiste nunha táboa de madeira cuberta de puntas metálicas (a semellanza das espiñas defensivas dos cardos). A carda empregábase para cardar ou peitear a la despois de lavala e limpala, para poder fiala despois con facilidade. Unha carda de dentes máis longos era usada así mesmo para asedar o liño espadelado (Rivas Quintas, 1978).

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1