Toponimia do Val do Fragoso - Candeán
147 T O P Ó N I M O S Catastro de Ensenada estaba ocupada por hortas e regadíos. A presenza de hortas, en particular, apunta á actual encrucillada da Freiría (situada sobre O Campo da Porta) como parte do posible núcleo fundacional deste poboamento, integrado polas sete casas terreñas que aparecen citadas no histórico documento. O topónimo Porta deriva do latín portam ‘portón, porta grande’. O seu significado vai máis alá da coñecida ‘abertura feita nunha parede, moble, cerca etc., para permitir o acceso’ (Dicionario da Real Academia Galega) . Pode designar tamén un ‘paso aberto nun muro ou nun valado que franquea o acceso a un terreo, presentando unha largura tal que permite o paso dun carro’. Unha forma semellante a porta é portelo ; este en cambio é máis estreito e só pode ser atravesado por persoas e animais. Non obstante, quizais a porta orixinal que deu lugar a este topónimo non servise de acceso a ningunha parcela agrícola. O límite norte do Campo da Porta coincide precisamente co punto de entrada no núcleo antigo da Freiría desde a poboación máis próxima. Como se observa no mapa de pendentes (Centro de Descargas de Información Xeográfica. Instituto de Estudos do Territorio. Pendentes_0223A-0605), neste lugar concreto existe ademais un paso natural que permite a entrada de persoas e vehículos no núcleo da Freiría, unha abertura (porta) entre terrapléns, aparentemente de orixe artificial. Podería tratarse dun caso análogo á «Porta» que o Catastro de Ensenada rexistra na parroquia de Beade, e podería aludir ao lugar de acceso ao antigo núcleo altomedieval de Saa (Carrasco Joaquín e Navaza Blanco, 2014: 31). Pensamos que pagaría a pena examinar con detalle o relevo que presenta esta poboación e o terreo que a circunda, pois existe un complexo sistema de socalcos agrícolas e terrapléns de maiores dimensións (quizais de carácter defensivo) que envolven o castro e o núcleo orixinal da Freiría. Un estudo en profundidade desta área permitiría datar estas estruturas, así como establecer posibles relacións entre o poboamento castrexo e o asentamento posterior. O propio topónimo A Freiría semella suxerir ademais a existencia dun desaparecido edificio relixioso neste lugar.
Made with FlippingBook
RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1