Toponimia do Val do Fragoso - Candeán
T o p o n i m i a d o va l d e f r ag o s o : c a n d e á n 144 Recollemos a forma valo nos topónimos seguintes: — — A Pedra do Valo ou As Pedras do Valo , O Camiño da Pedra do Valo , As Lagoas da Pedra do Valo , As Coutadas da Pedra do Valo , As Pozas do Valo e A Presa do Canto do Valo . A Pedra do Valo é unha zona forestal integrada por propiedades particulares ou coutadas, situadas baixo o monte da Pedra Longa. Este nome xa aparece mencionado no Catastro de Ensenada. — — A Presa do Canto do Valo e O Rego da Presa do Canto do Valo (na Poba). Véxase O Valado. Veiga A palabra veiga é de orixe prerromana (Navaza Blanco, 2011: 36) e aínda se conserva como xenérico na fala local. Designa un terreo chan e fértil, que normalmente está situado nas marxes dun río ou regato. O significado de veiga aseméllase bastante ao de barxa ou barcia ; terreos estes últimos que comparten moitas características coas veigas, pero que presentan a particularidade de que resultan alagados con frecuencia polas enchentes dos ríos, pois ocupan en moitas ocasións as propias chás de inundación. É unha forma presente en numerosos topónimos de Candeán. Estes non se sitúan sempre en zonas húmidas e poden referirse, en xeral, a calquera superficie de labradío. Topónimos que incorporan algún atributo destes campos, como a súa forma ou dimensións, son A Veiga Grande (preto do camiño de Gondomar), A Veiga Grande (A Vesada), A Veiga Aberta (As Maceiras), A Veiga Longa ou Veigha Lonca (baixo O Rial de Leiros). Noutros casos, refírense á súa localización ou posición relativa: A Veiga do Carreiro (avenida do Aeroporto), A Veiga de Arriba (no camiño da Trepia), As Veigas da Presa (a carón das Presas de Erminde), As Veigas da Fonte (A Rabadeira), As Veigas da Mancoña (A Lomba), As Veigas de Bosende (A Rabadeira), As Veigas do Cocho (O Busto), As Veigas de Xistros ou de Xisto (Erminde). Tamén se poden referir a un antigo propietario ou propietaria, como o caso de As Veigas da Coxa (A Lomba).
Made with FlippingBook
RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1