Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

137 T O P Ó N I M O S A Panasca é un pequeno campo da Parachán, que se encontra parcialmente edificado. Coñecemos un topónimo As Panasqueiras na serra do Galiñeiro, que dá nome a uns pasteiros naturais que son aproveitados pola gandaría extensiva e os cabalos galegos de monte. Pero os topónimos Panasco e Panasca poden localizarse tamén en terreos agrícolas (como ocorre neste caso), que designan quizais parcelas marxinais de secaño destinadas á produción de pasteiros naturais. Véxase O Panasco. Panasco, O Panasco é o nome que reciben na comarca os pasteiros naturais de gramíneas que medran de maneira natural nos montes. Xuntamente cos pastos leñosos de toxos, carrascos e outras especies, alimentaban a cabana gandeira que pastaba no pasado estas matogueiras mixtas en réxime extensivo. Nos montes periurbanos de Vigo, estas pequenas pradeiras e mouteiras de herba, intercaladas con pequenos arbustos, están formadas maioritariamente por especies do xénero Agrostis ( Agrostis gr. capillaris , Agrostis curtisii ), así comopor Pseudarrhenatherum longifolium . Concretamente, en Gondomar puidemos identificar unha superficie de panasco coa axuda de informantes, e trátase da especie Agrostis capillaris . Non é exclusiva de terreos forestais, pois pode aparecer tamén en terras de secaño. Nas depresións máis húmidas, abunda outra especie de gramínea que recibe o nome de feo (Molinia caerulea) , nome que tamén se aplica a outras herbas robustas de talle alto. Da forma feo deriva o colectivo Fenal , nome duns campos húmidos que se encontran baixo A Casa da Madeiras , en Subride. Feo procede do latín fenum ‘feo, forraxe para o gando’. A palabra panasco , pola súa parte, podería derivar do latín pannus ‘pano, farrapo’ (Navaza Blanco, 2007a). O Panasco é unha superficie agrícola de Erminde que linda co camiño do Cocho do Lago. Ocupa unha posición intermedia entre as veigas do Cocho do Lago e as leiras superiores dos Pinos. Podería deber o seu nome á súa vocación de pradeira de secaño. É coñecido tamén por algúns veciños e veciñas como O Penasco , variante da forma anterior.

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1