Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

131 T O P Ó N I M O S ferrado de dehesa», polo que non temos claro se a ‘terra coutada’ que lle deu nome a esta zona era de carácter agrícola ou forestal. Véxase Coutada. Eido, O Eido é xenérico de uso común na parroquia, que se refire ao terreo engadido á casa que quedou comprendido dentro da parede que circunda a propiedade. Un eido tamén pode ser a horta que existe polo xeral dentro do lugar da casa ou ao seu carón. Esta palabra procede do latín aditum , participio do verbo adire ‘engadir’. Temos rexistrado o topónimo O Eido no Salgueiro, O Valado, Subride e As Cales. Ás veces, un eido quedaba dividido por causa da pendente do terreo (que se salvaba por medio dun socalco) no Eido de Arriba e o Eido de Abaixo : — — Eido de Abaixo (O Salgueiriño, O Monte Pequeno, A Goleta e Subride). — — Eido de Arriba (no Monte Pequeno). O Catastro de Ensenada recolle a forma «Eydo de Arriba» como o nome dun pequeno núcleo habitado. Véxase O Eido de Arriba. Eido de Arriba, O Véxase o apartado Os primeiros núcleos de poboamento (capítulo 3). Eira de Dentro, A Eira (e o diminutivo eiriña ) é unha palabra de uso común en Candeán, onde existe tamén unha variante eirado . Designa unha superficie de terreo chan, situada a carón da vivenda, destinada a mallar os cereais, debullar os froitos e realizar diversos labores agrícolas. O seu firme podía estar calzado de pedra ou ben ser de terra. Neste segundo caso era habitual someter os eirados a un tratamento previo á malla, estendendo unha capa de bosta que, unha vez seca, impedía que o gran se manchase de po e pequenas pedras. Procurábase que as eiras estivesen despexadas de árbores e outros obstáculos que impedisen a libre circulación do vento, necesario para aventar o cereal e separar

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1