Toponimia do Val do Fragoso - Candeán
T o p o n i m i a d o va l d e f r ag o s o : c a n d e á n 118 Como resultado das entrevistas que realizamos, tivemos noticia da morte do que podería ser un dos últimos gatos bravos de Candeán hai pouco máis de trinta anos na Goleta, preto do río de San Cristovo. En Galiza e Portugal encontramos numerosos topónimos que inclúen o nome deste animal, como A Pedra do Gato , A Pena do Gato , O Penedo do Gato , O Salto do Gato ou A Corga do Gato . Están situados normalmente en espazos fragosos, onde adoitan existir mestas devesas e accidentados penedos, lonxe dos núcleos de poboación; hábitat típico do gato bravo, onde no pasado resultaría moi difícil encontrar exemplares asilvestrados de gato doméstico. O gato doméstico descende do gato salvaxe norteafricano (Felis silvestris libyca) , estreitamente emparentado co gato bravo europeo (en realidade, trátase no fondo dunha única especie). Por este motivo, os gatos caseiros e os monteses crúzanse con bastante frecuencia, e esta é unha das maiores ameazas para a conservación do gato bravo. Pedra do Lobo, A No contorno da cidade de Vigo, así como noutras zonas próximas, aínda se conservan algúns topónimos que nos recordan á antiga presenza do lobo nestes terras, de onde desapareceu hai xa varias décadas. Nomes tan suxestivos como A Boca do Lobo , A Cova do Lobo , O Outeiros dos Lobos , O Campo do Lobo ou A Fonte da Loba . Ou A Pedra do Lobo de Candeán, lugar de xogo dos rapaces e rapazas da parroquia cando subían ao monte de Pedras Negras coas ovellas. No lugar da Devesa lémbrase aínda que este animal ouveaba sobre unha laxe no monte de Candeán, e que de cando en vez corría a voz de que baixaba do monte Saramagoso á parroquia de Louredo: «Cheghou o lobo a Louredo!». O lobo continúa habitando na serra do Suído e nas súas contrafortes, e non é raro que apareza pola serra do Galleiro. A palabra lobo procede do latín lupum ‘lobo’, e designa en galego o lobo ibérico ( Canis lupus signatus ), mais tamén o extinto lobo cerval ou queixa (probablemente se tratase do lince boreal, Lynx lynx ), que entraría en contacto no noso país co lince ibérico (Lynx pardinus) .
Made with FlippingBook
RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1