Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

101 T O P Ó N I M O S O topónimo Millada aparece rexistrado no Catastro de Ensenada da parroquia de Candeán, en pleno proceso de substitución do millo miúdo polo novo cereal (Rionegro Fariña, 1999), de modo que non podemos determinar con total seguridade cal das dúas especies deu nome a estes topónimos. Porén, observamos que se trata de veigas húmidas situadas nas proximidades de pequenos cursos de auga ou con acceso á auga de regadío. Cremos que estas terras son máis adecuadas para o cultivo de millo americano ou millo graúdo ca de millo miúdo, cultivo de secaño que presenta unhas menores necesidades de auga. Por outro lado, as «Respostas xerais ao interrogatorio» do Catastro de Ensenada sinalan que a produción de millo americano en Candeán era de 250 ferrados, fronte aos apenas tres ferrados de millo miúdo, que no ano 1753 xa presentaba, polo tanto, un carácter moi residual. Por outro lado, Lorena Carrasco e Gonzalo Navaza (2014) sinalan que o topónimo Millada , que tamén aparece rexistrado na parroquia de Beade, refírese posiblemente ao millo americano, pois a denominación local da especie autóctona non é millo miúdo, senón paínzo . Nogueira, A A Nogueira (ou en plural As Nogueiras ) é unha zona de cultivo composta de varias leiras paralelas. Un camiño que parte desde o centro da Goleta (O Camiño da Nogueira) percorre as cabeceiras destes campos. A palabra nogueira deriva do latín vulgar nucaria , do latín nux , nucis ‘noz’ (Marqués Valea: 2004). A nogueira é unha árbore que apareceu en Galiza como especie cultivada durante a Idade de Bronce. A súa expansión correu en paralelo á plantación de soutos e ao cultivo a grande escala de cereal, como revela a análise do pole atopado en diversas turbeiras. Medra en terras agrícolas ricas en nutrientes e, a diferenza da cerdeira e outras especies, non se naturaliza nos nosos montes, onde as condicións dos solos non lle resultan favorables. Ademais da calidade da súa madeira, a nogueira é cultivada sobre todo polo seu froito: a noz , froito seco de gran valor nutritivo. Unha vez secas, as noces consérvanse durante meses. En Candeán recollemos dúas formas distintas de nomear esta árbore: nogueira e anoceiro . Esta última sería unha variante de noceira , forma esta máis común, presente tamén no concello de Vigo. Nas parroquias

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1