Toponimia do Val do Fragoso - Candeán

99 T O P Ó N I M O S A palabra loureiro provén do latín vulgar laurariu (Navaza Blanco, 2006: 322), derivada de laurus (‘loureiro’, ‘coroa triunfal de loureiro’), que designa a árbore de nome científico Laurus nobilis . Como o loureiro das Illas Azores (Laurus azorica) e o das illas Canarias e Madeira (Laurus novocanariensis) , o noso loureiro é tamén un sobrevivente da antiga laurisilva atlántica que cubriu gran parte de Europa no período terciario, cando as condicións climáticas eran de tipo subtropical. Hoxe en día, o loureiro é unha arboriña moi común en cotas baixas próximas ao mar, onde as temperaturas son suaves e a humidade elevada. Poderiamos pensar que este topónimo se refire a un lugar onde abundaban os loureiros, pero queremos facer dúas observacións: a primeira delas é que alude a unha única planta; a segunda, que a zona se encontra nunha cota próxima aos 400 metros de altitude, onde as condicións non son quizais as óptimas para a especie. O topónimo podería aludir máis ben á presenza dun exemplar illado ou de certas dimensións de loureiro, nun lugar onde este non abondaría. Maceira, A O topónimo Maceira aparece localizado en tres zonas distintas da parroquia de Candeán: — — A Maceira (Fonte Escura). Ata hai unhas décadas era unha coutada poboada de carballos e castiñeiros. Da vexetación orixinal apenas se conserva unha vella cerdeira. — — A Maceira ou As Maceiras , A Fonte da Maceira (campos de cultivo, baixo A Freiría). — — As Maceiras , A Fonte de Maceiras (barrio situado a carón do Lugar do Marqués , baixo A Maleita). Maceira é o nome que recibe a coñecida árbore froiteira de nome científico Malus domesticus , chamada mazaira na área oriental de Galiza. En Candeán esta arboriña denomínase maceira , aínda que resulta frecuente que nas zonas onde existe seseo adquira o nome de masanseira , como acontece noutras parroquias próximas como Coruxo. Con esta denominación alternativa evítanse confusións, ao confluír as formas maseira (árbore) e maseira (recipiente) (Navaza Blanco, 2007a: 107). A palabra maceira deriva do latín mattianaria . Na documentación histórica dos séculos x e xi aparece con profusión baixo a forma mazanaria (Navaza Blanco, 2006: 341).

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1