Toponimia do Val do Fragoso
223 A Terra castelán paloma , reservándose en xeral a denominación de pomba ou máis comunmente pombo para as pombas bravas e a de paloma para as domésticas. Na toponimia, puido aparecer non só motivado pola presenza de pombas, senón pola existencia dunha rocha que tivese forma semellante ou por un alcume (A Pomba = ‘A do Pombo’). Trátase dun terreo de monte privado que se atopa no tramo final da rúa a Baixada ao Castelo, pasada a praza da Parrocha, á man dereita, aproximadamente onde a rúa describe unha curva e ata a avenida de Madrid. Na Pomba hai catalogado un xacemento que podería corres- ponder a unha antiga vila romana (–> O Castelo). Non aparece este topónimo no Catastro de Ensenada nin, como tal, no Libro de afane- gados , onde si aparece unha propiedade de Andrés Pardo, do Bierzo, chamada «pinal de piedra da pomba». O feito de que as outras pro- piedades deste forasteiro fosen «Gandariña», «Gandariña de Abajo» e «Gandariña de Arriba» lévanos a pensar que esa «Piedra da Pomba» podería coincidir coa Pomba actual. De feito, Sestay recolleu en Lava- dores (2010: 139) o topónimo A Pedra da Pomba , do que di: «Pequena área no alto do barrio da Gandariña, límite con Bembrive». Pombal, O Derivado en galego de pomba co sufixo –al (do latín – ale ). Pombal corresponde, polo tanto, ao latín palumbale . Son as construcións feitas polo ser humano para a cría e resgardo das pombas, aínda que Eladio Rodríguez establece no seu dicionario unha diferenza entre pombei- ros , cando son de pequeno tamaño, destinados a poucas parellas e próximos á casa, ou pombales cando nos referimos aos meirandes e afastados onde se crían de xeito semisalvaxe ( DdD , s.v.). Tanto uns como outro deixaron a súa pegada na toponimia galega, aínda que en Bembrive só atopamos mostras do segundo caso. É o nome do lugar onde se atopaba o muíño coñecido como do Ve- nancio ou da señora Piedá. Se subimos pola rúa do Río dende a Fonte do Mosteiro, é todo o lugar que temos á man dereita, por riba do río. O Pombal, en Miraflores, é o lugar localizado á dereita da Subida a Miraflores. Divídese entre O Pombal de Abaixo , situado entre o Cami- ño do Cocho do Muíño e o camiño do Pombal, e O Pombal de Arriba , por riba del. O citado O Camiño do Pombal non ten saída, parte da Su- bida a Miraflores, aproximadamente fronte ao Camiño das Cavadiñas.
Made with FlippingBook
RkJQdWJsaXNoZXIy MTQwOQ==