Toponimia do Val do Fragoso
199 A Terra Os piñeiros plántanse polo menos dende a Idade Media. Da súa pre- senza na paisaxe medieval galega temos testemuños na toponimia en moitos outros indicios: nas cantigas fálase das «flores do verde piño», e tamén é medieval o convento de San Martiño Pinario, co seu piñeiro no escudo que usaban como emblema. Como o rendemento do sufixo diminutivo – ola é anterior ao ano 1000, topónimos do tipo Piñeiró , Piñeiroa demostran que había piñeiros abondos antes do ano 1000. Con todo, en Galicia as principais plantacións tiveron lugar no século xviii e dende os anos trinta do século xx . Estas repoboacións trouxeron en moitos casos aparellada a introdución de topónimos en que está presente a forma castelá pino ou os seus derivados, como pon en evi- dencia Navaza no caso de Catoira, termo que se foi incorporado ao léxico do galego. O Piñeiro (O Mosteiro) son as leiras situadas por detrás das primei- ras casas da marxe dereita da rúa do Calvario, por debaixo dos Valados. Polo Piñeiro baixaba un rego de auga que viña de Reiriz e que entre a primeira casa da rúa do Calvario e a do camiño de Novelos facía unha pequena fervenza aproveitada pola veciñanza para lavarse. En Novelos abrangue o terreo onde agora están construídos os chalés situados ao outro lado do centro de saúde de Bembrive, entre o camiño de Novelos (antes coñecido como O Camiño do Piñeiro ) ao norte, a estrada de Bembrive ao sur, o centro de saúde ao leste e A do Portugués ao oeste. É posible que, estando tan próximos, estes dous Piñeiros en- tendidos na actualidade como entidades separadas, fosen anteriormente un único lugar. De feito, no Catastro de Ensenada aparece «O Piñeiro» como lugar de habitación de Josph Posada e entendemos que se pode referir a este en particular, posto que as primeiras propiedades que se mencionan deste veciño son as de «Mosteiro» e «Novelos». O Piñeiro (Xestoso) está situado por riba do Xalón, ao sur das Fi- gueiras Pequenas e por debaixo do Lugar da tía Milia Bugarina e A Regada das Pedras. Se dende a rúa de Xestoso baixamos polo camiño das Figueiras en liña recta, ao final do camiño á man esquerda temos as terras do Piñeiro, na actualidade sen cultivar. Dende As Escaleiras do Naranxo (–> Laranxo) segue un carreiro en dirección sur ata chegar ás Escaleiras do Piñeiro , que permitían subir do Xalón á Regada das Pedras atravesando O Piñeiro. Aínda que deben estar situadas aproxi- madamente por debaixo do chalé construído máis ao sur do camiño das Figueiras, a maleza existente agora no lugar impediunos atopalas.
Made with FlippingBook
RkJQdWJsaXNoZXIy MTQwOQ==