Toponimia do Val do Fragoso
113 A Terra Campanas, As Parece que nos atopamos ante o castelanismo campana ‘campá’, termo que procede do latín campana , en referencia á Campania , rexión de Italia onde se di que se usou por vez primeira ese instrumento metá- lico en forma de copa invertida. Tamén podería tratarse dun derivado de campo (lat. campu ) interferido polo castelanismo campana, ou inclu- so ter que ver coas plantas herbáceas da familia das Campanuláceas, das que existen distintas especies, que se caracterizan por presentar flores coa corola campaniforme. Porén, a aparición do topónimo nos documentos máis antigos en singular parece desbotar esta hipótese e leva a pensar que o topónimo puido estar motivado por algún acci- dente ou algunha formación (probablemente unha pedra) con aspecto campaniforme. É o monte situado no estremo suroccidental da parroquia, na estre- ma con Beade, na zona onde está o seu parque forestal e o campo de fútbol no San Cibrán. As Campanas son toda a ladeira que baixa ata a autoestrada e hai quen entende que se estenden tamén cara ao sur, ladeira arriba, ata a estrema con Zamáns. Corresponderían, polo tanto, á aba norte do monte que ten o seu cume no punto onde están insta- ladas as antenas de telefonía, e a divisoria de augas que determina a estrema con Beade. Dentro das Campanas, uns metros por debaixo do campo de fútbol, hai unha coutada escriturada co nome de Campanas do Naciente (por Nacente ), o que nos leva a pensar que debían existir tamén unhas Campanas do Poñente, e que, polo tanto, o topónimo se debe estender á parroquia de Beade. Na actualidade atopamos fun- damentalmente piñeiros, aínda que sabemos que a súa presenza non é recente. Nun acordo do pleno da entidade do ano 1948, citábase a veciños por plantar en zonas de repoboación, situadas precisamente «desde Campanas ata esquina Coutada das Señoras». E retrocedendo aínda máis no tempo sabemos, grazas ao Libro de afanegados , que o monte das Campanas, ou polo menos algunhas propiedades dentro del, xa eran piñeirais no ano 1846, posto que atopamos topónimos como «Pinal de/das Campanas» ou «Pinar de/das Campanas». A forma actual ( As Campanas ) é un plural secundario, pero que arraigou xa dende antigo, porque aínda que no Catastro de Ensenada (1752) aparece «A Campana», en afanegados (1846) xa está xeneralizada a forma en plu- ral, a única que sobreviviu.
Made with FlippingBook
RkJQdWJsaXNoZXIy MTQwOQ==