Toponimia do Val do Fragoso - Beade
T o p o n i m i a D O V A L D E F R A G O S O : B E A D E 84 Cura Son coñecidas como a Casa do Cura dúas casas, unha a carón da outra, situadas na parte alta do camiño do Cu da Viña, na Coutada. A Coutada do Cura era o nome dunha propiedade onda o camiño das Campaceiras, nos terreos que hoxe levou o hospital. En ambos os ca- sos, os topónimos deben de facer referencia a un propietario que era sacerdote. No primeiro, a veciñanza identifica cada unha das casas como a Casa do Cura Nova e a Casa do Cura Vella . Un sinónimo crego (< latín CLERICUM ) está presente no nome da propiedade denominada o Lugar do Crego ou o Lugar da Peteta , situada no recanto entre a rúa de Babio, o camiño de Rosalía e a rúa de Ramiro Pascual, en Babio. Curtiña ▶ Cortiña Demo, O A presenza do nome do Demo na toponimia pode responder a di- ferentes motivacións. A máis frecuente é a súa aplicación a tramos dun camiño moi costentos ou moi estreitos que ofrecían dificultades ou pe- rigo para o paso de carros, de animais ou de persoas. Dado que o nome do demo tamén se ten empregado como alcume satírico de persoas, podemos atopalo así mesmo en topónimos de posesor ou de propieta- rio. Esta última é a motivación dos topónimos a Volta do Demo , a Fonte do Demo e mais a Viña da Volta do Demo , tamén chamada a Viña do Demo , na estrada da Coutada, pois aseguran os informantes que Os do Demo ou Os Demos era o alcume dunha familia que vivía na zona. Devesa, A; Devesas, As; Devesiña, A Na toponimia galega, o substantivo devesa (< lat. DEFENSAM ) adoi- ta ter o significado de ‘bosque (habitualmente de carballos) en terreo comunal’. Moitos dos lugares que portan este nome, especialmente nas proximidades do litoral, son antigas devesas reais , carballeiras en monte de man común (ou sexa, expropiadas á parroquia en nome do rei) destinadas en orixe a fornecer madeira para a construción naval.
Made with FlippingBook
RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1