Toponimia do Val do Fragoso - Beade
T o p o n i m i a D O V A L D E F R A G O S O : B E A D E 110 Lavandeira é unha forma relativamente común na hidronimia galega, e designa polo regular zonas que resultan anegadas polo desbordamento dun curso de auga nas enchentes ou nas partes do río onde se producen frecuentes inundacións. Aínda que a tradición popular adoita relacionar este nome co verbo lavar , o feito de que moitos topónimos A Lavandeira se atopen a moita distancia dos núcleos habitados obriga a desbotar a relación directa cos lavadoiros ou lavadouros , e fai máis verosímil a hipótese de que Lavandeira , coma moitos outros hidrónimos ou nomes relativos ás augas, sexa unha palabra de orixe prerromana conservada no galego. Algúns estudosos interpretan a súa raíz LAV- como unha variante de NAV- moi común na hidronimia ( Navia, Navea, Navego ), pero as atestacións en latín medieval, sempre con L-, fan pensar noutra raíz indoeuropea *LOU-, *LAU, da cal procede tamén o latín LAVARE , an- tepasado do noso lavar . Na parroquia de Beade atopamos esta mesma forma noutros topónimos como A Lavandeira Pequena (terras en Saa, a continuación das Barxiñas, en dirección sur), o Lugar dos Lavandeira (propiedade privada en Babio, ao lado da encrucillada de Babio, na actual rúa de Ramiro Pascual, en dirección leste) e mais o Camiño da Lavandeira (carreiro que une a rúa do Caramuxo co camiño das Presas, na parte alta do Porto). Polo uso do artigo masculino plural no nome do Lugar dos Lavan- deira vemos que neste caso Lavandeira é un sobrenome ou un apelido da familia propietaria. Para o significado do substantivo lugar , véxase o apartado correspondente. Legoa ▶ Lago, Lagoa Leira, A Leira é un dos termos comúns do galego para designar unha parcela cultivada. É unha palabra de orixe prerromana, que se rexistra como larea no latín dos documentos galegos medievais, probablemente de orixe céltica a partir dun étimo * PLAREA ‘chan’. A Leira Grande e A Leira Pequena son dous campos de labradío no Caramuxo, no Porto. Tamén era coñecida como A Leira unha área onde se atopaba a antiga Fonte da Leira , nos terreos onde agora se asenta o novo hospital.
Made with FlippingBook
RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1