Toponimia do Val do Fragoso - Beade

T o p o n i m i a D O V A L D E F R A G O S O : B E A D E 104 Muíño do Gorgoso (muíño –que sobrevive– onda o monte do mesmo nome). Aínda que tamén cabería a posibilidade de que se trate dun hidrónimo, relativo a un nacedoiro onde gurgulla a auga, cremos que Gorgoso é máis verosimilmente un derivado de gorgo ou gorga (< do latín vulgar * GURGAM ), planta parasita tamén coñecida como barba de raposo , de nome científico Cuscuta , semellante a fíos vermellos que se enredan noutras plantas. Gorgoso deriva deste nome mediante o sufixo - oso e, polo tanto, estaría motivado pola abundancia desa especie na vexetación do lugar. O monte aparece no Catastro de Ensenada coa mesma denominación ( O Gorgoso ); daquela estaba dedicado a piñeiral e a toxal. Granxas, As Granxa e graña son os resultados galegos do latín GRANEAM , derivado de granum ‘gran, cereal’. As granxas medievais eran polo regular esta- blecementos dependentes dun mosteiro situado noutra localidade que se ocupaban da administración das súas propiedades. En Beade é coñe- cida actualmente como As Granxas unha área de campos e de vivendas unifamiliares situada na parte alta da rúa de Saa. Debe de ser o mesmo topónimo que aparece como «lugar de la Granxa de Saa» nun preito da parroquia de Castrelos do ano 1644. Como sucede noutros topónimos da parroquia, o plural substituíu a forma singular orixinaria. Grila, A A Grila é o nome dun campo de labradío situado entre a estrada da Coutada e o camiño da Barreira, no ángulo que forman estas dúas vías preto da Volta do Demo. Contén unha forma feminina de grilo (< latín GRYLLUM ), nome do coñecido insecto ortóptero. O nome do grilo foi moi empregado como alcume ou sobrenome. Aínda que a forma fe- minina do topónimo fai pensar que en orixe podería referirse a unha muller así alcumada, cremos máis probable que conteña, coma ou- tros microtopónimos da parroquia, un feminino adxectivo a partir dun nome masculino de propietario ( A Grila equivalería a ‘A [propiedade] do Grilo’).

RkJQdWJsaXNoZXIy NzcwNTQ1