Fichas ESO 1º e 2º

A ctividade 12 galicia encantada GALICIA ENCANTADA Había unha vez, alá, cando os animais falaban, no lugar dꞋOs Espiñeiros, un home que se chamaba Recaredo: era bo home, pero algo descreido. E non lle tiña ningún respecto ao san Roque. Cando chegaba o día da festa, mentres os mordomos corrían a procurar os foguetes, el mollaba a cara e dispoñíase ao traballo que lle tocara, coma calquera outro día. Mentres os gaiteiros corrían os lugares tocando a alborada el collía camiño dunha leira, un lameiro, da horta, ou do monte. Se tocaba sachar, sachaba. Se tocaba rozar, rozaba. Pero a festa non a gardaba. San Roque, desde o altar, non lle facía moito caso a aquel desprezo, que el ben sabía que era máis cousa de nugalla ca de maldade, de apoucamento ca de soberbia, pero o san Xoán botoulle en cara que non o trouxera a camiño, e tanto o encirrou que acabou por facelos baixar, a el e ao can, do pedestal no que se encontraban, e ir buscar ao Recaredo para que lle gardara a festa. Estaba o home na arada, e ben que sentiu e viu chegar ao santo, pero el, coma se nada. Por máis que lle ladraba o can, el, coma se nada. San Roque ao primeiro quixo razoar con el, dicíndolle que como traballaba en día de festa, que o corpo precisa descanso, que na vida tamén hai que procura momentos de lecer... O Recaredo non daba nin chío: baixaba a cabeza, agarraba a rabela, anguía nas vacas e seguía ao seu. Xa aquelo non lle pareceu ben ao santo, que non é de xente educada non contestar cando lle falan a un, e dos consellos pasou as ameazas: - Heiche mandar unha saragaña que ha deitar o pan! O Recaredo igual, tanguía, chegaba ao fondo da leira, volvía e volta a empezar. - Heiche mandar unha praga de escaravellos que che coman as patacas! Nada. -Heiche mandar o gripo prás vacas! -Heiche mandar ... Xa o Santo non sabía que dicir para convencelo. Estaba rubio da carraxe e botoulle a peor maldición que se lle acordou: - Heiche mandar un mal veciño! Os bois pararon. O Recaredo mirou para o santo. Baixou a aguillada, levantou a rella, desatou a temoncela, colgou o arado no medio do xugo, e marchou para casa. SAN ROQUE, A FESTA E UN VECIÑO Quen é San Roque? Que se fai na súa festa? Por que cres que ten unha rúa en Vigo? Cal cres que é a mensaxe da historia? Por que cres que Recadero marcha para a súa casa ao final da historia? Agora responde estas preguntas: 1. 2. 3. 4.

RkJQdWJsaXNoZXIy MTQwOQ==