O Vigo de Rosalía
-
O 17 de maio de 1863, Rosalía de Castro publica Cantares Gallegos, en Vigo, na rúa Real, na imprenta de Juan Compañel.
A Concellaría de Normalización Lingüística organiza este percorrido literario que nos leva ao Vigo de mediados do século XIX; o Vigo que foi lugar escollido pola autora, e polo seu marido, Manuel Murguía, para que os versos de Cantares Gallegos fosen publicados na imprenta de Juan Compañel.
Noutrora, este percorrido adoitabamos facelo paseando as rúas da zona vella, acompañados do autor do paseo, Xurxo Martínez. Agora ofertamos este “camiñar virtual” para contextualizarmos a obra e a súa autora neste Vigo, fervedoiro cultural, social e político.
Un Vigo mariñeiro que se reflicte no Berbés, na praza do Peñasco e un Vigo incipiente industrial e culturalmente que se manifesta na rúa Real, por exemplo. Un Vigo que foi daquela provincia e que tiña a súa sede provincial nesta mesma rúa.
Un Vigo con imprentas de seu, si imprentas, e con xornais como La Oliva e El Miño, ou o propio Faro de Vigo.
Persoeiros como Eduardo Chao (familiar da propia Rosalía), realmente como toda a familia. O propio Juan Compañel, coa súa imprenta situada naquel momento na rúa Real pero un chisco máis abaixo de onde foi logo trasladada e hoxe reza unha placa.
Detense este camiñar na praza da Constitución cunha mirada particular cara á Botica da familia Chao, lugar de grande vida cultural e política.
-
1.A Oliveira de Vigo Paseo de Alfonso XII
O castelo do Castro e a oliveira son os dous símbolos que compoñen o escudo da Fiel, Leal, Valorosa e sempre Benéfica cidade de Vigo.
Vigo acadou o título de cidade grazas á heroica reconquista. Aquela loita ligouse axiña ao pensamento liberal, que arraigou forte na urbe. Ademais, traeríalle felices beneficios.
O día da celebración da Reconquista de Vigo en 1813 prodúcese un estoupido da polvoreira do forte de San Sebastián, que afecta á Colexiata e tamén a oliveira.
Manuel Ángel Pereira recolleu un gallo da árbore afectada, que plantou na súa horta particular na Porta do Sol. Cando o crecemento de Vigo obrigou a diferentes cambios, a xa arraigada oliveira foi transportada a este lugar do Paseo de Alfonso XII.
-
2.O Berbés mariñeiro Praza do Peñasco
A actual cidade de Vigo ten os seus alicerces botados nas casas mariñeiras do Berbés, cos seus sorportais a gardaren a historia.
Sen dúbida, a gran transformación demográfica, industrial e urbanística deuse no século XIX.
Rosalía coñeceu este Vigo popular durante os meses finais de 1859 nos cales viviu na rúa Real.
As antigas casas mariñeiras comezan a dar paso a fogares da nova burguesía local, de máis alturas e con fachadas decoradas. Os empresarios ligados ao comercio e á industria marítima ocuparon os lugares centrais da vida viguesa daquel tempo.
A rúa Real, que entón era a principal arteria que unía O Berbés mariñeiro co Areal industrial, pode servirnos para cotexar co espazo tradicional, como a presente praza do Peñasco.
-
3.A estirpe liberal Rúa de Eduardo Chao
A familia Chao, ou dos Chao, chegou a Vigo contra finais de 1823. Xunto ao seu pai, chegou unha persoa que axiña se convertiría nun veciño ilustre e benfeitor de Vigo: Eduardo Chao.
Cando Rosalía chega a Madrid, na primavera de 1856, introdúcese nos círculos literarios e políticos da man de Eduardo Chao. El foi quen a animou a publicar o seu primeiro libro La flor (1859).
Eduardo Chao loitou polo progreso da cidade, dende a mellora das comunicacións até a preocupación pola expansión urbanística.
Favoreceu a Escola de Artes e Oficios, a prensa local, as asociacións recreativas, etc.
Pero tamén destacou como líder político de idas republicanas e progresistas. A súa influencia naquel tempo, tanto en Galiza como no Estado español, foi sobranceira. Incluída, sobre a propia Rosalía.
-
4.Vigo, provincia Rúa Real
O esforzo e loita pola causa liberal de Vigo, dende os días da Reconquista, foron recompensados durante o Trienio Constitucional (1820-1823), tras o pronunciamento de Rafael De Riego.
Declarouse a Provincia de Vigo, que tivo a súa sede gobernativa nesta casa de López de Araújo.
Grazas a este nomeamento instalouse a primeira imprenta, que coñezamos: a de Pascual Arza, encargada de imprimir o boletín provincial. Así, por unha causa política liberal, chegou a imprenta á cidade.
Mais a calidade provincial volveu traer novos beneficios económicos e administrativos á cidade, o que fortalecía as condicións para o despegue industrial e demográfico.
A fe viguesa no liberalismo trouxera importantes recompensas.
-
5.A imprenta de Compañel Rúa Real
Juan Compañel procede dunha familia de impresores composteláns de coñecida sona nos anos de efervescencia provincialista (1840-1846).
Educouse en Compostela, aprendeu o oficio e tivo o primeiro obradoiro ao seu cargo en Madrid, en 1855. Na capital española contou coa protección da familia Chao.
No romper de 1856 chega a Vigo para ocuparse da edición e imprenta do xornal La Oliva, dirixida por José Ramón Fernández. Meses despois, o propio Compañel substituiría Fernández na dirección deste.
A imprenta estivo, no inicio, entre os actuais números 17-21. Despois de publicarse Cantares trasladouse ao actual número 12
Os Cantares gallegos (1863) de Rosalía foron editados e impresos por Juan Compañel, nesta cidade de Vigo, nesta rúa Real.
-
6.Faro de Vigo Rúa Oliva
Na esquina entre a rúa Oliva e a antiga rúa Imperial (hoxe Joaquín Yáñez), estaba a imprenta de Ángel de Lema dende, canto menos, 1848.
Dos seus talleres saíu en 1853 o primeiro número do xornal decano da prensa estatal, Faro de Vigo. De tendencia moderada, foi o gran rival da oferta xornalística de La Oliva e d´El Miño nos anos do Rexurdimento.
A súa redacción contaba con persoas afíns ás ideas provincialistas, como Xosé María Posada. Foi este o primeiro en facer unha recensión de Cantares gallegos con palabras ben laudatorias dende as páxinas do Faro de Vigo.
Da imprenta de Ángel de Lema, que nos anos 60 foi concelleiro local, saíron libros, proclamas e xornais que custodian parte da historia da nosa urbe atlántica.
Anos despois, coincidirían na mesma rúa a imprenta De Lema e a de Compañel, até que este deixa a cidade en 1873.
-
7.O Casino de Vigo Biblioteca Juan Compañel
En 1863 o Casino de Vigo situábase neste edificio. Este centro recreativo convertérase no espazo compartido entre moderados e progresistas logo dun tempo de desavinzas durante os cales cada sector político-ideolóxico tiña unha asociación propia.
No Casino líase a prensa (galega, española e internacional, sobre todo inglesa), xogábase a xogos permitidos (había restricións para certas actividades lúdicas), facíanse veladas literarias e musicais…
Cando se publica Cantares gallegos o presidente era José Ramón Fernández Domínguez, alcumado Carballo. Este é un dos homes centrais do Vigo oitocentista. Xuíz, avogado, foreiro, capitán de milicia, concelleiro... El foi o primeiro director de La Oliva, quen se fixo coa imprenta que logo cedeu a Compañel e que puxo os cartos cando as dificultades económicas facían perigar o obradoiro tipográfico de Juan Compañel.
Sen Carballo e sen a súa axuda non habería en 1863, seguramente, a imprenta de Compañel en Vigo. Por iso bautizámolo como o «Mecenas dos Cantares»
-
8.Concello e botica Chao Praza da Constitución
A praza da Constitución no seu día era o lugar de mercado e un punto de encontro popular. Para finalizar o noso roteiro, ímonos deter en dúas edificacións aquí presentes.
Por un lado, a antiga casa do Concello de Vigo (hoxe Casa Galega da Cultura), inaugurado en 1862. No seu salón de plenos asistiron personalidades relevantes para o Rexurdimento galego como para a historia local.
Xusto do outro lado da praza, estaba localizada a botica de José María Chao, o patriarca da estirpe liberal. No seu establecemento ocorreron distintas conversas e debates das forzas progresistas da urbe.
Para rematar, cómpre saber que esta praza recibiu o nome pola Constitución de 1812, a primeira da historia española. O liberalismo, logo reconvertido en progresismo, converteuse no máximo aliado da cidade. Ese progresismo que tamén aparece na obra de Rosalía. Ela simboliza, na súa obra e biografía, un común da xusta loita polo feminismo, o progresismo, Galicia e a lingua galega.
Deste xeito poñemos peche ao percorrido.