As Irmandades da Fala en Vigo
-
Detalle da fachada do antigo Tamberlick, onde se celebrou, en 1921, a III Asemblea das Irmandades da FalaAs Irmandades da Fala (IF) naceron o 18 de maio de 1916 na Coruña. Foi unha fronte político-cultural.
Conflúen tres tendencias: agrarismo (Porteiro Garea, Cabanillas ou Castelao), rexionalistas (Lugrís Freire, Carré Aldao ou Salvador Cabeza de León) e republicanos federalistas (Ánxel Casal, Víctor Casas ou os irmáns Villar Ponte, verdadeiros creadores e impulsores das IF.
Foi movemento elitista (burguesía liberal e empresarios) e minoritario. Vinte anos despois, en 1936, conseguen promover a aprobación do Estatuto de Galicia.
En Vigo constituíronse en 1917 con Xermán López Roca como líder.
-
1.Manuel Antonio Paseo de Afonso XII
Entre 1920 e 1921 o poeta de vangardas Manuel Antonio, autor do De catro a catro, residiu no Paseo de Afonso número 15. Coincide este tempo cun período de maduración creativa literaria.
Foi, sen dúbida, o máximo representante do vangardismo na literatura galega de preguerra.
Na creación literaria de Manuel Antonio aparecen novas imaxes relacionadas con mundos marxinais (prostitución, bebida, cabarets), estranxeirismo e un léxico renovador tomado da vida marítima.
-
Obra de Imeldo Corral2.Pinacoteca de Vigo Rúa Abeleira MenéndezA pintura galega viviu, arredor das Irmandades da Fala, un novo pulo e que se centraba na necesidade de representar unha estética propia, vencellada á idea de “soberanía estética” aprobada no Manifesto de Lugo (1918).
Desta época destacamos os traballos de Imeldo Corral, Álvaro Cebreiro, Castelao, Maside etc. (que compón o chamado Grupo dos Vellos) e que terían os seus continuadores en Luís Seoane, Arturo Souto, Urbano Lugrís etc. (os chamados Grupo dos Novos).
Algúns exemplos desta arte atópase na exposición da Pinacoteca Francisco Fernández del Riego. Aludir tamén ao Rexurdimento pictórico entre os cales destacan os cadros de Ovidio Murguía de Castro (fillo de Rosalía e Murguía).
Fachada da Pinacoteca Francisco Fernández del Riego -
Obras do fondo bibliográfico Fermín Penzol3.Fundación Penzol e Fundación Fernández del Riego Praza da Princesa / Praza da ConstituciónDous dos arquivos públicos, de doazón privada, máis importantes de Galicia están en Vigo. Débense á xenerosidade de Fermín Penzol e de Francisco Fernández del Riego.
Fachada da Casa Galega da Cultura. Sede da Fundación Penzol e o do museo Francisco Fernández del RiegoNos seus arquivos están custodiados importantes e valiosos documentos da cultura galega (algúns únicos e de extraordinario valor). Entre este feixe de documentación atopamos xornais, correspondencia, pasquíns, carteis, primeiras edicións de libros etc. da época das Irmandades da Fala e da República.
Algúns exemplos: o Fondo Castelao, o Fondo Otero Pedrayo, Fondo Villar Ponte, Fondo Xoán Vicente Viqueira. Fermín Penzol integrouse nas IF en Madrid, foi líder dun grupo radical e independentista. Tras a guerra decidiu entregar todo o seu fondo persoal ao pobo. A Fundación Penzol é hoxe a nosa Arca testamentaria.
-
Exemplar de El Pueblo Gallego do ano 19314.El Pueblo Gallego Praza do Pobo GalegoUn dos xornais máis importantes de preguerra, en toda Galicia, foi El Pueblo Gallego, que é herdeiro dunha tradición xornalística que se remonta a 1856, con La Oliva. Esta tradición de prensa progresista e provincialista rematou en 1936 co golpe fascista.
Praza do Pobo Galego onde antigamente estaba a sede do xornal El Pueblo GallegoOs principais escritores colaboraron nas súas páxinas: Castelao, Paz Andrade, Otero Pedrayo, Manuel Antonio, Álvaro Cebreiro, Victoriano Taibo, Gonzalo López Abente etc. Hai quen fala da Xeración del Pueblo Gallego.
En 1925 Jesús Bal y Gay, musicólogo lucense, publica un artigo de vangarda musical que crea tensión cos músicos e compositores galegos da vella escola. Por iso hai quen fala da Xeración de 1925 para referirse aos autores de vangardas.
-
5.Cine-Teatro Tamberlick Rúa Eduardo Iglesias
No antigo Cine-Teatro Tamberlick celebrouse en 1921 a III Asemblea das Irmandades da Fala que, naquela altura, xuntaba o máis nutrido da cultura galega. Aquí encontramos, de novo, os nomes dos líderes do galeguismo. Aproveitando aquel encontro Castelao, Vicente Risco, Losada Diéguez ou Lois Peña Novo impartiron varias conferencias en Lavadores e Vigo.
Fachada do antigo Tamberlick na actualidadeNeste teatro estrenouse en 1929 a primeira ópera en galego: O Mariscal, de Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas. A música era de Eduardo Rodríguez Losada e o decorado de Camilo Díaz Baliño.
-
Fachada do edificio Sanchón, onde viviu e traballou Paz Andrade e tivo a súa clínica Antón Beiras6.Paz Andrade e Antón Beiras Rúa Policarpo SanzNo edificio Sanchón estivo o despacho de avogados onde traballou Valentín Paz Andrade, un dos nomes claves e centrais da cultura galega de preguerra en Vigo co iniciativas como o xornal Galicia. Diario de Vigo ou a publicación de obras como Galiza como tarefa (1959) e outros poemarios en lingua galega.
Pero no mesmo edificio tamén estaba a clínica do prestixioso oftalmólogo Antón Beiras, quen escribiu o primeiro artigo científico en galego, promoveu a fundación da actual Escola Rosalía de Castro (con Antía Cal) e quen ideou un aparello revolucionario para corrixir o estrabismo que chamou Vigoscopio.
Placas conmemorativas no edificio SanchónAntón Beiras foi autor do primeiro artigo científico en lingua galega logo da guerra (“Ensaios para mellorar os resultados terapéuticos do estrabismo”, 1958). A súa morte provocou tamén a primeira homilía en galego logo da guerra, dada polo Padre Seixas.
-
Fachada do teatro7.Teatro García Barbón Rúa Policarpo SanzEn 1930 celebrouse un importante encontro galeguista que supuxo o reencontro logo da división vivida en 1922, en Monforte de Lemos. Neste mitin, que xuntou de novo a toda elite cultural e intelectual galegas, falaron Castelao, Otero Pedrayo, Carballo Calero e Valentín Paz Andrade. O acto foi promovido polo Grupo Autonomista Galego, liderado por Valentín Paz Andrade xunto a Roberto González Pastoriza (avogado de dirixentes políticos e sindicais fusilados en 1936), Xaime Illa Couto, Manuel Gómez Román…
Despois do mitin celebrouse o afamado Xantar da Barxa, na actual Torres de García Barbón.
Sala principal do teatro onde se celebrou o mitin de 1930 -
Edificio onde residiu Fernández del Riego8.Casa de Fernández del Riego Praza de CompostelaFrancisco Fernández del Riego, oriundo de Vilanova de Lourenzá (A Mariña, Lugo), chegou ao galeguismo nos anos da República pero tivo un papel sobranceiro, dinámico e activo.
O seu papel de custodio da memoria republicana e galeguista foi crucial para os anos despois da guerra.
Placa conmemorativa situada na fachada do edificioO esforzo que fixo a prol da cultura, en iniciativas como a Editorial Galaxia ou a revista Grial, a dirección da Fundación Penzol, o compromiso político na clandestinidade e a activación do traballo galeguista logo da guerra convérteno nun home imprescindible para Galicia.
Foi tamén presidente da Real Academia Galega, onde favoreceu un cambio moi positivo para a institución. Estivo detrás de autores para que escribisen en galego, como foron Anxel Fole, Álvaro Cunqueiro ou Luís Pimentel.
Alameda de Vigo -
Placa conmemorativa na fachada do edificio Mulder9.Manuel Gómez Román Rúa Montero RíosFoi un dos arquitectos máis notables do seu tempo e home respectado na elite intelectual viguesa. O seu nome lígase posteriormente ao galeguismo, xa despois das Irmandades da Fala, pero puxo a súa creación ao servizo de Galicia tratando de crear un estilo e un deseño netamente galego (hai varios exemplos en Vigo).
Foi o último secretario xeral do Partido Galeguista (antes e despois da guerra), presidente da Sociedade La Oliva e membro da Real Academia Galega cun discurso sobre a arte arquitectónica galega que recitou en Vigo, pero que tivo que facer en castelán por prohibición gobernativa. Este texto é moi descoñecido.
O seu estilo arquitectónico recupera a tradición galega do románico e do barroco fundíndoos coas novas correntes estéticas (modernismo, por exemplo).
Vistas do edificio Mulder, proxectado por Manuel Gómez Román -
Bar Puerto, antiguamente o Navy Bar10.Manuel Antonio, Navy Bar Rúa Montero RíosUn dos poemas célebres de Manuel Antonio é o “Navy Bar” que se supón escribiu neste bar. Lectura do manifesto Máis Azlá (1922), coas implicacións políticas e artísticas que tivo.
Vista da ría de Vigo desde o peirao do porto, moi perto de onde se atopaba o Navy Bar